Tamara e Ana, dúas galegas máis condenadas a tres anos de cadea por protestar

Manifestación a prol do indulto para Tamara e Ana CC-BY-SA FB-Indulto para Ana y Tamara

Outras dúas galegas poderían entrar na cadea por participar nun piquete durante unha folga. A Audiencia de Pontevedra, en senteza firme, vén de impoñer unha condena de tres anos de prisión a dúas mulleres, Ana e Tamara, por  un delito contra os dereitos dos traballadores por coacción e outro de danos, presuntamente acontecidos durante unha mobilización de empregados de instalacións deportivas en Pontevedra.

A Fiscalía recorreu o primeiro ditame xudicial, que as condenara a seis meses, e solicitou tres anos de cadea para as dúas mulleres

O caso é ben semellante ao dos sindicalistas Serafín Rodríguez e Carlos Rivas, condenados tamén a tres anos de cárcere tras ser denunciados pola policía logo de participar nun piquete durante  unha folga de transporte de mercadorías. Malia que varios xuízos remataron en absolución, un xulgado de Vigo considerou estes membros de CIG e UGT como culpables tamén dun delito contra os dereitos dos traballadores. Agardan a tramitación dun indulto, pero a Fiscalía impuxo un recurso de apelación contra a decisión xudicial de suspender temporalmente a súa entrada na cadea. No caso das dúas mozas, a Fiscalía tamén actuou para recorrer o primeiro ditame, que as condenara a seis meses e a unha multa, e solicitar tres anos e un día de cadea e xa sen posibilidade de recurso.

A cidadanía mobilízase para conseguir o indulto destes catro galegos que ven como poden acabar no cárcere por participar en diversas mobilizacións laborais e sindicais. Este mesmo xoves, unha nova manifestación en Vigo (no Marco a partir das 20 horas) volverá pedir o indulto para Carlos e Serafín. No caso de Ana e Tamara, foron varias xa as protestas e na Rede case 6.000 sinaturas piden xa que se lles conceda o indulto e unha intensa campaña reclama que non sexan enviadas á cadea.

Tamara e Ana foron acusadas dun delito contra os dereitos dos traballadores e danos por tirar pintura a unha piscina, un feito que negan e que ninguén puido probar

Os feitos remóntanse ao ano 2010, cando no complexo deportivo Rías do Sur de Pontemuíños (Pontevedra) un grupo de empregados das instalacións deportivas protestaron e lanzaron pintura á piscina, manchando o traxe do xerente e berrando "esquirois". Nin Ana nin Tamara, que negan ter lanzado pintura ningunha, nin ningunha outra persoa foi identificada como autora material deste acto, pero si foron recoñecidas ocmo integrantes do piquete informativa, xa que unha delas traballara naquela instalación.

Ana e Tamara, tal e como se aclara no escrito que reclama o seu indulto, sempre recoñeceron que formaban parte do piquete, pero negan que fixesen algo máis. Estaban entre outras 50 ou 60 persoas e a propia acusación deixou claro que ninguén viu que elas tiraran pintura á piscina. De feito, os propios traballadores que aquel día permanecían na instalacións seguiron  no seu posto de traballo e aseguran que non se sentiron coaccionados.

"Son dúas traballadoras correntes que, por ser coñecidas, foron acusadas de todo o sucedido", pide a solicitude de indulto enviada ao Goberno central

A situación de Tamara, embarazada de tres meses, e Ana é un chisco diferente á de Carlos e Serafín, xa que elas non pertencen a sindicato ningún. "Son dúas traballadoras correntes que, por ser coñecidas, foron acusadas de todo o sucedido", asegura o escrito que vai dirixido ao Ministerio de Xustiza. "Podiamos ser calquera de nós", engade unha solicitude que procura a boa fe dun Goberno central que non parece estar polo labor.

De feito, os últimos casos son só os últimos dunha gran lista. A Fiscalía pide moreas de anos de cárcere para decenas de sindicalistas por participar en piquetes en todo o Estado. Hai até 40 procedementos xudiciais abertos, algúns penais e outros sancionadores, contra persoas que participaron en diferentes folgas en varios territorios de España.

Até 40 procedementos xudiciais abertos  hai na actualidade no Estado contra sindicalistas que participaron en piquetes

Un dos casos máis graves é o de oito traballadores de Airbus, para os que a Fiscalía pide oito anos de cadea por participar nun piquete durante a folga xeral do 29 de setembro de 2010 no que houbo altercados e unha carga policial na que os antidisturbios chegaron a disparar ao aire. É, polo momento, a maior pena que se solicitou nunca no Estado por feitos parecidos desde que chegou a democracia.

Hai procedementos abertos en numerosas comunidades autónomas como Madrid, La Rioja, Illes Balears, Andalucía ou Asturias. Tamén Galicia é unha onde máis casos se dan. A maioría dos implicados no Estado teñen vinculación con CCOO ou UGT, pero tamén hai persoas vinculadas a outras centrais como a CIG. No caso de Tamara e Ana, nin tan sequera están afiliadas a un sindicato.

Manifestación a prol do indulto para Serafín e Carlos CC-BY-NC-SA CIG-Avantarvideos
Tamara e Ana © Change.org

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.