O Foro Peinador e a Irmandade Galega de Adegueiros reactivan neste Nadal a campaña Consumo gusto Etiquetados en Galego, apoiada, entre outros, por Antón Reixa, Alba Nogueira, os actores Rubén Riós, Antonio Durán Morris, Uxía, Farruco Bernal, Ernesto Chao, Rosa Álvarez ou a xornalista Julia Otero e o cantautor Amancio Prada. Este pasado luns, na Casa da Cultura Galega de Vigo, presentouse unha iniciativa que pretende conseguir a fidelización dos consumidores cos produtos etiquetados en galego, o que implica un dobre obxectivo nestas festas: "colaborar na galeguización do país e axudar os sectores produtivos galegos nestes tempos de crise".
"O obxectivo é dobre: colaborar na galeguización do país e axudar os sectores produtivos galegos nestes tempos de crise"
Quen así o explica é Xosé González, presidente do Foro Peinador, que máis aínda de cara ao Nadal amosa a súa "preocupación" polo feito de que "os centos de milleiros de persoas que defenden a identidade e a lingua galega", non teñan "esa conciencia para saber ser galeguistas no supermercado". "Antes de mercar os produtos, deberiamos mirar o que é do país e que marcas se identifican co noso a través da lingua", asegura.
Ademais, González destaca que "nun momento de crise coma este", apoiar os produtos galegos e etiquetados en galego é tamén unha forma de "apoiar a economía do país e a economía sostible", sobre todo no agro, "onde máis se padecen os problemas". "O exemplo é o sector leiteiro", di. "Se nós pedimos estes produtos, obrigaremos tamén aos intermediarios e aos distribuidores a telos nos andeis das grandes cadeas", engade. O obxectivo, xa que logo, "é dobre".
"Os galegos concienciados deberían reflexionar sobre as súas condutas ao consumir"
Para Xosé González, os consumidores galegos, especialmente aqueles que se moven en clave galega electoral, sindical ou activista, "deberían reflexionar sobre as súas condutas á hora de consumir". "Elixindo produtos etiquetados en galego estamos levando a cabo unha forma de manifestacións, unha manifestación e reivindicación individual que se pode facer nunha cea cos amigos, nunha voda ou no supermercado; pidamos produtos con etiqueta en galego", reclama, logo de solicitar facelo "con pedagoxía e sen acritude". "Esa é a fórmula", insiste.
A campaña está apoiada tamén pola Irmandade Galega de Adegueiros, constituída por ao redor de 35 adegas de todo o país comprometidas coa lingua e cos produtos da terra e que impulsan un proceso de galeguización dos produtos agroalimentarios, para nunha segunda fase artellar unha estrutura capaz de establecer alianzas para unha mellor comercialización. Precisamente, Xosé González repara no caso do viño galego como exemplo "do que se pode facer con pedagoxía e concienciación" na cuestión da lingua.
En nove anos, o número de adegas con etiquetaxe en galegou pasou de doce a case 200
En 2003, había tan só doce adegas galegas que etiquetaban en galego, unha cifra que se aumentou até as case 200 en menos de dez anos. "Isto demostra que na galeguización do país queda moito por facer e que son moitas as dificultades, pero tamén que poden ser moitos os éxitos", explica González, que cre que hai que deixar "ese discurso vitimista" de que "non se pode vivir en galego". "Claro que se pode; ninguén nos impide galeguizar o nome, reclamar instancias en galego, falar o idioma ou redactar as esquelas na nosa lingua", remata.