Concentracións, moita tensión, agresións a cidadáns e a cargos públicos e ata bombeiros heroes. Todo iso fixo falta para deter -polo momento- o desafiuzamento na Coruña de Aurelia Rey, unha anciá de 85 anos á que pretenden desaloxar da súa céntrica casa por dous atrasos no pago do aluguer, un deles datado en 1999, abonados con posterioridade. Segundo asegura o TSXG, o intento de lanzamento foi finalmente suspendido ao entender a secretaria xudicial "que a seguridade das persoas presentes non estaba garantida".
O TSXG asegura que o desaloxo foi suspendido "ao non poder garantir a seguridade das persoas presentes"
Porque pasaron máis de seis horas desde as dez da mañá, ás que estaba previsto o lanzamento, ata que sobre as catro da tarde os funcionarios xudiciais abandonaron -ao parecer definitivamente- a rúa Padre Feijoo. Aínda así, veciños convocados pola plataforma Stop Desafiuzamentos farán quendas de garda para evitar que o intento de desaloxo os volva coller por sorpresa, tal e como ocorreu durante a mañá deste luns.
Sobre as dúas da tarde, e logo de que a maioría de manifestantes e xornalistas abandonaran a súa concentración ás portas da casa, seis furgóns policiais e máis dunha vintena de axentes cortaron a rúa para levar a cabo un desafiuzamento que tan só uns minutos antes semellaba paralizado. Ante o requirimento de varios periodistas, o Servizo Común de Notificacións e Embargos anunciou que o lanzamento fora suspendido, tal e como asegura nun comunicado o TSXG, que aclara que tivo coñecemento polos medios dun segundo intento de desaloxo, algo que só puido confirmar ao pé da vivenda.
A Policía cortou a rúa e vinte antidisturbios intentaron o desaloxo en canto os manifestantes e a prensa marcharon
Foi xusto despois das felicitacións e os agradecementos da propia Aurelia Rey cando a comisión xudicial intentou acceder á vivenda da afectada coa axuda da Policía e por sorpresa, aproveitando a escaseza de testemuñas. Xosé Manuel Carril, voceiro do BNG no Concello, e César Santiso, portavoz de Esquerda Unida -que aínda agardaban na zona- foron zarandeados e golpeados por varios axentes, que aproveitaron para cortar a rúa e evitar o paso de varios veciños que protestaban a ambos os dous lados do vial.
Daquela, un equipo de bombeiros foi requirido para cortar a cadea que algúns activistas colocaran no portal da vivenda para evitar o paso dos funcionarios xudiciais. Pero os bombeiros encargados, por dúas veces, negáronse a colaborar no desaloxo e, suxeitando un cartel de Stop Desafiuzamentos, un deles abandonou o lugar xunto aos compañeiros, aínda a risco de ser expedientado.
Varios bombeiros negáronse a colaborar no desaloxo e abandonaron a zona entre aplausos dos alí presentes
A negativa descolocou os axentes, que reclamaron a chegada doutro equipo de bombeiros que si accedeu a cortar cunha radial a cadea, momento no que varios dos manifestantes que berraban tras varios axentes logrou rachar o cordón policial e correr para intentar evitar o paso á vivenda de Aurelia. Foi daquela cando a tensión se disparou e tanto xornalistas como cidadáns foron empurrados pola Policía. Xosé Manuel Carril e César Santiso volveron ser zarandeados, ao igual que Francisco Jorquera, voceiro do BNG no Parlamento, que regresara á zona e acabou na chan logo dos enfrontamentos coas forzas de seguridade. O deputado cualificou a práctica deste luns de "incualificable" e falou de "engano" á prensa e aos manifestantes por parte da comisión xudicial e das forzas de seguridade.
Entre berros de "vergoña", "fascistas" ou "non tedes nai", os policías intentaban facilitar o desaloxo, pero os funcionarios xudiciais desistiron finalmente ao non considerar garantida a seguridade. Este martes decidirán unha vindeira data para intentar botar da casa a Aurelia Rey, unha anciá de 85 anos que leva máis de trinta anos vivindo nunha casa da rúa Padre Feijoo da Coruña. Paga 165 euros de aluguer grazas a un contrato de renda antiga, pero isto supón máis dun terzo da súa pensión de 375 euros.
"Moitas grazas a todos, un por un, a todos", dicía Aurelia Rey para agradecer o apoio da xente. "Nunca pensei que houbera xente así na Coruña", insistiu, tras ofrecerlles calquera tipo de axuda. "Farei o que queiran por eles", engadiu.
O atraso en dous pagos -un deles no ano 1999 e outro en marzo de 2011- foron suficientes para que os donos do inmoble reclamasen o desaloxo desta anciá, malia que non mantén débeda ningunha cos caseiros e logo de que a muller denunciara continuas presións por parte da familia propietaria do piso para provocar a súa marcha da vivenda. A última oferta dos propietarios implicaba o aprazamento do desaloxo en dous meses co único obxectivo de convencer a afectada para que abandonase o seu fogar. Ademais, Stop Desafiuzamentos denuncia a "estreita relación" entre os donos do inmoble e varios dos membros do goberno local coruñés.