Teo advirte á Xunta que a planta de residuos na Casalonga infrinxe as súas normas urbanísticas

Antiga canteira de Casalonga, onde se prevé instalar a planta © Habitaq

Atranco para a polémica planta de residuos de Toysal na Casalonga. O Concello de Teo vén de remitir á Xunta un informe de compatibilidade urbanística negativo e espera así que a Consellería de Medio Ambiente desbote de vez o proxecto. O alcalde da localidade, Rafael Sisto, advertiu de que a iniciativa empesarial é "incompatible urbanisticamente".

O Concello de Teo vén de remitir á Xunta un informe de compatibilidade urbanística negativo e espera así que a Consellería de Medio Ambiente desbote de vez o proxecto

"Agora é o momento de que a Xunta cumpra e peche a tramitación do expediente de Toysal”, asegurou Sisto. Ademais, a concelleira de Urbanismo, Uxía Lemus, cre que o que debe facer agora o Goberno galego é pechar a tramitación da planta coa "mesma premura" que se lle "esixía" á administración local "para a emisión do informe". 

O informe do Concello destaca que a planta impulsada por Toysal é incompatible coa normativa urbanística de Teo e, en especial, co seu PXOM. É a opción que ten o municipio, aínda que a empresa podería acollerse á lexislación galega se modifica o proxecto e teimar na iniciativa. 

O alcalde e a concelleira, ante membros da Plataforma Casalonga Limpa de Residuos, pediron que a "presión cidadá" continúe e reclamaron "unha batalla conxunta” para evitar o asentamento da planta na zona. 

O alcalde pide que a "presión cidadá" continúe e reclama "unha batalla conxunta” para evitar o asentamento da planta na zona

Prevista na parroquia de Calo, no espazo que anteriormente ocupou unha mina a ceo aberto en Casalonga, a planta prevé o tratamento anual dunhas 90.000 toneladas de residuos e situaríase a tan só 400 metros dun núcleo de poboación. Ocuparía uns 135.000 metros cadrados, a menos de dous quilómetros de onde viven 4.000 persoas e a uns seis doutras 50.000.

A planta de 135.000 m2 prevé unha balsa de 7.000 m3, dous gasómetros, un espazo para 20 camións ou unha nave de recepción de residuos

O proxecto, cunha extensión equivalente a uns 14 campos de fútbol, prevé unha balsa de 7.000 metros cúbicos de capacidade para almacenar os residuos, dous gasómetros para 1.000 metros cúbicos cada un, un espazo para o lavado diario de 20 camións que transportarían os residuos orgánicos e lodos á planta ou unha nave de recepción de residuos duns 2.000 metros cadrados.

Tanto a plataforma veciñal como anteriores informes técnicos encargados polo Concello advirten dos riscos e das posibles afectacións sociais, medioambientais e económicas dun proxecto que, coinciden, non elixiu o lugar máis axeitado para situarse ante o achegado da poboación e de varios núcleos.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.