"Teovivo daralles todo o protagonismo aos veciños e ás súas historias"

Teovivo xa está na rúa Dominio Público Teovivo

Teo asistiu a pasada fin de semana ao nacemento dun novo xornal en papel e en galego, o mensual local Teovivo, que xa está a disposición dos veciños e veciñas nunha vintena de puntos de venda repartidos por todo o concello e a comarca. O xornal está coordinado pola xornalista local Ana Conde, que na presentación destacou que Teovivo nace en plena crise da prensa escrita "froito do convencemento de que, se algún xornalismo ten futuro, ese é o de proximidade, o que nos informa do que pasa ao noso arredor e que moitas veces descoñecemos".

Co galego como lingua, o Teovivo preséntase con 32 páxinas a toda cor, cunha impresión de calidade e un atractivo deseño, á venda desde hoxe por 2 euros. O novo xornal de Teo ve a luz "coa ilusión de contar mes a mes a vida do pobo, dándolles todo o protagonismo aos veciños e ás súas historias". A maiores da función puramente informativa, o novo xornal mensual tamén aspira a dinamizar a vida sociocultural do concello e a incentivar o consumo local.

Dicides que "se algún xornalismo ten futuro, ese é o de proximidade". É quizais a información local a área máis desatendida?

Desde logo no noso concello si. Localidades maiores están mellor cubertas informativamente ao contar con edicións locais de grandes xornais, pero no caso de Teo ao pertencer á comarca de Santiago o lugar que ocupa nos medios xeralistas é menor, e case sempre con informacións vinculadas a política e sucesos.

Que tirada terá Teovivo? Cales son as vosas fontes de financiamento? Que porcentaxe corresponde a publicidade?

Teovivo ten unha tirada de 3.000 exemplares e é unha realidade grazas ao apoio económico dos anunciantes, na súa inmensa maioría pequenas empresas locais que non dubidaron en arrimar o ombreiro nestes tempos difíciles para que o xornal saíra á luz, encantados co feito de que o concello conte cun xornal propio que informe á xente do que ten á beira da casa. Outra vía de ingresos serán as vendas, xa que o periódico se vende nunha vintena de establecementos ao prezo de 2 euros, e as subscricións anuais.

Que tipo de historias e de información vai contar Teovivo?

O Teovivo nace coa ilusión de contar mes a mes a vida do noso pobo, dándolles todo o protagonismo aos veciños e ás súas historias, que ninguén lles contará nunca desta maneira. Seguiremos a actividade sociocultural, educativa e deportiva de Teo, coñeceremos de cerca os veciños ilustres que viven no concello, os nosos negocios e interesantes historias de teenses emigrados, ademais de rescatar do pasado os capítulos máis sorprendentes da nosa historia e ofrecer a información máis práctica e útil para os nosos lectores. Será un xornalismo moi social.

"O Teovivo nace coa ilusión de contar mes a mes a vida do noso pobo, dándolles todo o protagonismo aos veciños e ás súas historias, que ninguén lles contará nunca desta maneira"

Cal é a realidade, o día a día dos veciños de Teo que neste momento os medios non están contando?

Teo é un concello moi disperso e sen un núcleo urbano definido, o que xa de por si dificulta a comunicación. Por exemplo, aquí hai unha rica oferta sociocultural promovida por asociacións que moitos veciños descoñecen, perdendo a oportunidade de gozar de actividades, cursos ou iniciativas que moitas veces ata son de balde. E logo hai novas que a nivel local son importantísimas, como o Certame Galego que vén de gañar a Banda de Música Local de Teo, e que pasan desapercibidas para a prensa de Santiago, xa que para desgusto dos nosos músicos ese logro non saíu en ningún xornal impreso.

Contribúe un medio coma este a crear un sentimento de comunidade, de pertenza a un territorio, neste caso Teo?

Pois nós cremos que si, e para exemplo está o caso do noso deseñador, Antón Galocha, que na presentación do xornal recoñeceu que, tras case vinte anos vivindo en Teo, non se sentiu teense ata enrolarse na aventura do Teovivo, que lle abriu os ollos a moitas cousas que ten á beira da casa e que descoñecía. En Teo pouca xente se declara teense, senón que di ser dos Tilos, de Calo ou de Cacheiras. Precisamente a presentación do Teovivo converteuse nunha xornada histórica en Teo, xa que por primeira vez representantes do mundo da política, das asociacións, das entidades deportivas, do eido educativo, cultural, sindical, así coma numerosos comerciantes e empresarios procedentes desas tres zonas se uniron entorno a un proxecto que axudaron a facer realidade entre todos: o Teovivo.

Presentación de 'Teovivo', hai unha semana Dominio Público Praza Pública
Teovivo xa está na rúa Dominio Público Praza Pública
Teovivo xa está na rúa Dominio Público Teovivo

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.