Ti decides por onde debe pasar o bus urbano en Lugo

Presentación de 'Móvete por Lugo' © Concello de Lugo

Este xoves presentouse a campaña Móvete por Lugo #Ti Decides, a través da que os e as lucenses poderán participar de forma directa no deseño do novo mapa de liñas dos buses urbanos e na mellora do servizo. “A cidade facémola entre todos”, destacou a alcaldesa Lara Méndez. “Queremos un transporte público moderno, eficiente e adaptado á realidade social e económica da nosa cidade, e que mellor maneira de logralo que contando coa opinión, propostas e suxestións dos veciños e veciñas, tanto dos que son usuarios do bus urbano, como dos que de momento non o utilizan, sobre os percorridos, as paradas e as melloras que precisa o servizo”, engadiu.

“Queremos un transporte público moderno, eficiente e adaptado á realidade social e económica da nosa cidade, e que mellor maneira de logralo que contando coa opinión, propostas e suxestións dos veciños e veciñas"

Os cidadáns e cidadás poderán participar a través de tres vías: En primeiro lugar, a través das xuntanzas cos veciños e veciñas que se levarán a cabo nos barrios, ás que asistirá a rexedora. Celebraranse inicialmente un total de 10 xuntanzas, que se poderán ampliar en función do interese que amosen os veciños. Ademais, dende este mesmo xoves, os e as lucenses poden achegar as súas propostas a través do correo electrónico creado especificamente para esta campaña: moveteporlugo@concellodelugo.org, ou ben a través da web municipal, na que está xa a disposición dos cidadáns un formulario para facilitar a participación. A opinión dos e das lucenses recolleranse tamén a través do teléfono de atención cidadá 010.

Para fomentar ao máximo a participación o Concello informará da campaña a través da web municipal e das redes sociais, e tamén repartirá dende hoxe dípticos informativos en todas as instalacións municipais (consistorio, edificio administrativo, Policía, centros sociais, biblioteca,  piscinas...) e tamén nos buses urbanos.

O obxectivo do Concello “é aumentar de xeito progresivo o número de viaxeiros. Gañaremos mobilidade e baixará a densidade de tráfico e con elo a contaminación, co que teremos un Lugo máis accesible e humano”

En 2015 viaxaron no bus urbano de Lugo unha media de 175.000 pasaxeiros ao mes, superando os 2,1 millóns de usuarios en todo o ano, cifra que se mantén estable en relación ao 2014. O obxectivo do Concello “é aumentar de xeito progresivo o número de viaxeiros, que cada vez máis veciños e visitantes empreguen o bus na súa vida diaria, nas actividades de lecer, para ir ao traballo e para coñecer e gozar da nosa cidade. Gañaremos mobilidade e baixará a densidade de tráfico e con elo a contaminación, co que teremos un Lugo máis accesible e humano”, explicou Méndez, que se mostrou convencida de que "a reorganización das liñas e a mellora do servizo e o aumento da frecuencia horaria que implica o novo contrato serán un pulo importante para conseguir ese aumento progresivo de viaxeiros”.

 

Presentación de 'Móvete por Lugo' © Concello de Lugo

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.