Ti en que medio de transporte te moverías por Vigo?

Praza de España, en Vigo CC-BY-NC contandoestrelas

Cal é o medio de transporte máis rápido para moverse por unha cidade, por exemplo Vigo? E ollo, que tamén conta o tempo necesario para aparcar, se usas un coche privado. Cal é o máis barato? Cal é o máis respectuoso co medio? Cal é, en definitiva, o máis eficiente? Equo buscará responder a estas preguntas organizando o vindeiro martes 24 unha carreira de medios de transporte, unha actividade que se enmarca dentro da Semana Europea da Mobilidade.

De Praza de América deberán chegar ao Mercado do Calvario pasando pola Porta do Sol. Poden escoller entre sete medios de transporte: a pé, bicicleta, bicicleta eléctrica, motocicleta, coche particular, taxi e autobús urbano

Os participantes están convocados ás seis da tarde na Praza de América e deberán chegar ao Mercado do Calvario pasando pola Porta do Sol. Poden escoller entre sete medios de transporte: a pé, bicicleta, bicicleta eléctrica, motocicleta, coche particular, taxi e autobús urbano. Poden facer o percorrido xunto cos organizadores ou pola súa conta, achegándolle a Equo os resultados posteriormente, tanto o tempo empregado (incluído o aparcamento) coma o cálculo do custe total (billetes, combustible e aparcamento...), e por suposto, deberanse respectar as normas de circulación.

Equo fará unha análise dos resultados para tirar conclusións sobre os puntos fortes e fracos de cada medio de transporte e determinar cal é o mellor para moverse un día laborable pola cidade de Vigo.

Praza de España, en Vigo CC-BY-NC contandoestrelas

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.