Tigres de Siberia a 30 graos en Nigrán

Tigres de Siberia no Circo Wonderland en Nigrán © Circo Wonderland

O Circo Wonderland está instalado fronte a Praia América, en Nigrán, dende o pasado 7 de agosto. Entre as súas atraccións, canda a malabaristas e pallasos, o circo ofrece espectáculos con animais (camelos, ponis, avestruces...) e entre eles sete tigres de Siberia. Verdegaia denuncia a situación que sofren estes animais, "extraídos do seu hábitat natural, forzados a vivir en condicións aberrantes para á súa natureza, e adestrados para desenvolver actividades antinaturais para lecer dos humanos" e sufrindo neste mes de agosto "temperaturas superiores aos 30 graos".

O colectivo ecoloxista anuncia que lle solicitará ao concello de Nigrán "que deixe de promover e apoiar actividades que supoñan calquera tipo de maltratos" e sinala que "as administracións locais, detentoras da potestade para conceder aos circos a autorización de instalación, deben recapacitar sobre as eventuais vantaxes da realización deste tipo de exhibicións no territorio que administran". Fai fincapé en que "os cativos, que son xeralmente o público maioritario, reciben unha versión terxiversada e falsa dos animais, resultando de todo anti pedagóxico. Moi distante dunha educación ambiental que ensine a observar, comprender, respectar e amar as demais formas de vida".

Vigo converteuse o pasado mes de abril, grazas a unha iniciativa de Equo, no noveno concello galego que prohibe a tortura contra os animais, uníndose a Cangas, Dodro, A Pobra do Brollón, Vedra, Teo, Ares, Viveiro e Betanzos, que nos últimos anos xa aprobaron declaracións en contra de todo tipo de malos tratos, tanto os que se poden producir en corridas de touros e encerros ou outro tipo de espectáculos crueis con bois, burros ou cans, coma os que afectan aos animais de compaña. Varias destas inciativas partiron do colectivo animalista Libera, que hai tempo puxo en marcha unha campaña para conseguir que cada vez máis concellos prohíban expresamente a tortura e os tratos degradantes aos animais e que, en consecuencia, non permitan a instalación deste tipo de circos

Tigres de Siberia no Circo Wonderland en Nigrán © Circo Wonderland
Tigres de Siberia no Circo Wonderland en Nigrán © Circo Wonderland

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.