Toda a oposición da Coruña apoia unha moción popular para retirar os subsidios ás touradas

Concentración antitaurina na Coruña CC-BY Ricardo Saavedra

A moción popular que pide a fin dos subsidios municipais do Concello da Coruña ás touradas foi presentada este martes pola plataforma Galicia Mellor sen Touradas (GMST), que contou co apoio de toda a oposición (Esquerda Unida, BNG e PSdeG) para reclamar que o consistorio deixe de destinar diñeiro público ou de ceder instalacións a un espectáculo que conta cun escasísimo apoio popular.

Toda a oposición do Concello apoia a moción que pide a retirada dos subsidios ás touradas e que xunta 21.000 sinaturas como aval

O voceiro do colectivo abolicionista, Rubén Pérez, estivo acompañado pola concelleira do Bloque Avia Veira, o de EU César Santiso e a socialista Yoya Neira, que amosaron o seu apoio a unha moción que agardan que se debata no pleno do vindeiro mes de xuño. Non é o único apoio dun texto que conta tamén co aval das máis de 21.000 sinaturas recollidas por unha coalición de diferentes organizacións (Asociación Animalista Libera, Fondation Franz Weber, CAS-International, Mesa de Participación Cidadá, Moz@s pola Abolición e a propia GMST).

O PP négase sistematicamente a debater sobre as touradas no pleno malia as continuas peticións

Para Rubén Pérez e GMST, o rexeitamento "en bloque" de toda a oposición ás axudas públicas ás touradas "evidencia que a tauromaquia e os seus subsidios teñen as horas contadas na Coruña". No entanto, critica "a falta de diálogo do PP" que, porén, propiciou a presentación dunha iniciativa popular "para tratar de desbloquear o veto existente no pleno da corporación, onde os conservadores escúdanse na súa maioría para impedir sistematicamente calquera debate".

Así, as máis de 21.000 sinaturas, varios colectivos cidadás e os tres grupos municipais da oposición apoian sen fisuras "a necesidade dun debate serio sobre unha política municipal, a subvención da feira taurina, que está máis cuestionada que nunca". Rubén Pérez lembrou que as corridas de touros "non son ningún servizo público" e que a súa subvención responde máis a unha forma de manter contento e tranquilo a un lobby taurino de grande carga ideolóxica.

O voceiro dos abolicionistas subliñou que o debate social e moral "xa se gañou hai tempo", e queda por ver se o goberno municipal obrará en consecuencia ao sentido cidadán, que segundo todas as enquisas e estudos de opinión "amósase radicalmente en contra destas subvencións a un espectáculo salvaxe". Rubén Pérez tamén se preguntou cal será a postura do PP despois da presentación desta iniciativa e no vindeiro pleno.

A organización das touradas na coruña suponlle uns 90.000 euros ás arcas municipais

Na súa exposición de motivos, o texto da moción popular defende enerxicamente a participación cidadá e o “dereito do pobo” a ser escoitado nas institucións, para logo pedir, na súa parte resolutiva, que o Concello da Coruña non subsidie nin participe de ningunha maneira nos festexos taurinos. Os abolicionistas estiman que o actual contrato de organización da feira taurina supón un custo para as arcas municipais do redor dos 90.000 euros anuais a través da cesión e adaptación gratuita do Coliseum e outros servizos como as actuacións da Banda Municipal de Música durante os tres días.

Touradas no Coliseum da Coruña no verán de 2012 CC-BY M. Pereira

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.