Todas as palabras detrás do 'Nunca Máis'

Capa do libro 'Máis Nunca Máis' © Difusora

"Señoras e señores Deputados: Chámome Celtia, teño 10 anos e vivo en Muxía, que é a primeira zona á que chegou o chapapote. Nesta época do ano estariamos escribindo a carta aos Reis Magos, pero polas circunstancias que estamos sufrindo desgraciadamente terémosvola que escribir a vós". Así comezaba a carta enviada en decembro do ano 2002 por Celtia Sar, unha nena de Muxía, aos deputados e deputadas do Congreso. 

Máis Nunca Máis recolle os diferentes manifestos difundidos entre 2002 e 2003 ao redor de Burla Negra e Nunca Máis

17 anos despois esa carta recobra protagonismo, como parte do libro Máis Nunca Máis, unha obra que recolle os diferentes manifestos difundidos entre 2002 e 2003 ao redor de Burla Negra e Nunca Máis. Trátase de textos de Mario Benedetti, Suso de Toro, José Saramago, Xosé María Álvarez Cáccamo, Manuel Rivas, Manuel Lourenzo ou de Eduardo Galeano, ademais dun ronsel de proclamas e panfletos asinados por colectivos diversos e outros materiais. 

A presentación do libro terá lugar ás 20 horas deste martes 26 na sala municipal de Palexco, na Coruña, coa intervención de Manuel Rivas; Xosé Lois Vazquez, editor do libro; Celtia Sar, autora dunha carta dirixida aos deputados cando tiña dez anos; Xurxo Souto, autor do epílogo do libro; e de Pulpiño Viascón, que interpretará unha peza composta na honra dos voluntarios. 

O libro ábrese cun prólogo asinado por Manuel Rivas, que comeza respondendo á pregunta "Como naceu Nunca Máis?". "Hai unha explicación histórica. Naceu da xente. E outra máis poética. Naceu do mar. Cando entrelazan estas dúas xirias sucede algo especial", di. "Nunca Máis naceu da vontade de encarnar o clamor da “humanidade consciente” na defensa do mar e como expresión dun movemento cívico: a cidadanía fronte á usurpación da democracia. Mentres foi así, foi Nunca Máis. O verdadeiro Nunca Máis existe hoxe na memoria activa. Un bo lugar. O mellor hábitat", engade Rivas.

"Como naceu Nunca Máis? Hai unha explicación histórica. Naceu da xente. E outra máis poética. Naceu do mar. Cando entrelazan estas dúas xirias sucede algo especial", escribe Rivas

O Palexco expón dende o pasado mes de xaneiro e ata o vindeiro 3 de marzo a mostra Máis Nunca Máis, comisariada por Pepe Galán, Pepe Barro e Anxo Varela, e que contén 4.000 imaxes, procedentes do fondo documental da editorial Difusora de Letras, Artes e Ideas. "Estabamos alucinados pola mobilización que existía ao redor de Nunca Máis. Estabamos todos activados", lembraba Pepe Galán nesta entrevista.

Unha imaxe da mostra 'Máis Nunca Máis' ©

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.