Todos contra a megaminería

Manifestación contra a mina de Corcoesto en Carballo © Salvemos Cabana

Galicia non é unha mina. Defende a terra. Defende a vida. Ese será o lema único da manifestación contra a megaminería que este domingo 2 de xuño ás 12 do mediodía sairá da Alameda de Compostela. Será unha marcha contra os múltiples e polémicos proxectos mineiros que ameazan un país que, malia ser a sétima autonomía en superficie no Estado, acolle xa 520 explotacións activas que a converten na cuarta comunidade en produción mineira. E será unha convocatoria"nacional" e "unitaria e apartidista", aberta a toda a cidadanía que reunirá unha morea de colectivos sociais, sindicais e políticos, logo da convocatoria de Contraminacción e a posterior campaña arredor de Salvemos Galicia. Unha unanimidade difícil de atopar que vai desde UPyD até a CIG, pasando por toda a oposición parlamentaria e o sindicalismo enteiro. Todos agás o PP, que segue defendendo os beneficios da súa estratexia mineira.

A manifestación contra a megaminería goza dunha unanimidade que vai desde UPyD até a CIG

As promesas (e as inmensas necesidades) de emprego, o desleixo das administracións e as facilidades da Xunta colócanlle a alfombra vermella a múltiples proxectos de multinacionais contestados socialmente por múltiples colectivos cidadás, ecoloxistas e políticos que censuran a intención do Goberno autonómico de "converter o país nun inmenso burato" aproveitando a crise e obviando as continuas advertencias do risco medioambiental e socioeconómico que estas minas supoñen nas comarcas onde prevén asentarse.

A mina a ceo aberto de Corcoesto é o paradigma de todos estes riscos. Pola súa magnitude, polo material contaminante que se utilizará e pola desfeita que suporía para o ecosistema e o modo de vida socieconómico da comarca de Bergantiños e de parte da Costa da Morte. Así o advirten expertos científicos, grupos ecoloxistas e diversos estudos que son ignorados pola Xunta e a empresa canadense Edgewater.

O de Corcoesto é o paradigma dos riscos da megaminería, pero hai moitos máis proxectos mineiros en varias comarcas

Pero hai moitas máis en proxecto. A das terras raras da Serra do Galiñeiro, a de wolframio en Cartelle ou Ramirás, a de andalucita na contorna das Fragas do Eume, as da Terra Cha, a do feldespato en Xinzo ou a que Goldquest proxecta nun territorio que forma parte de dúas reservas da biosfera na zona da Fonsagrada (Río Eo-Oscos-Burón e Terras do Miño). Nada detén as intencións das multinacionais, que ven nas facilidades que lles pon a Xunta a súa grande oportunidade. Iso é o que denuncia Salvemos Galicia, colectivo que agrupa as protestas contra a megaminería no país, e moitos outros colectivos, que acusan o Goberno de pretender reabrir antigas minas de carácter metalífero por toda Galicia, tanto as que aínda manteñen os dereitos mineiros como ás que xa lles caducaron, e de facilitar a chegada das multinacionais sen atranco ningún abrindo a man para unha morea de estudos e prospeccións.

O propio lema empregado pola Administración -Galicia é unha mina- para defender a actividade mineira no país, así como o Plan Sectorial de Actividades Extractivas en tramitación, que dá vía libre á explotación de calquera terreo, son as evidencias que os opositores citan á hora de acusar a Xunta e de demostrar cal é o camiño que quere tomar. Para as plataformas contrarias á megaminería, deter o proxecto de Corcoesto é fundamental para evitar a propagación dunha estratexia que busca "converter Galicia nunha gran mina a ceo aberto, que arrasaría o noso patrimonio natural, cultural e paisaxístico e contaminaría o contorno, poñendo en risco a saúde das persoas".

A mina a ceo aberto de Corcoesto consumiría 128 quilos de cianuro e xeraría 4.000 toneladas de residuos por cada quilo de ouro

O de Corcoesto é o paradigma. Unha enorme mina a ceo aberto de 95 metros de profundidade sobre o nivel do mar e ata 300 sobre o terreo para extraer uns 1,6 gramos de ouro por tonelada de rochas. Consumiría 128 quilogramos de cianuro e xeraría 4.000 toneladas de residuos que destaparían 250 quilos de arsénico por cada quilo deste material precioso. Un proxecto que ocupará 800 hectáreas, pero que podería estenderse a case 90 quilómetros cadrados á vista dos permisos solicitados. Unha infraestrutura que, segundo diversos estudos científicos, ameaza o modo de vida de milleiros de labregos e gandeiros, a paisaxe, o medio ambiente e o futuro dunha comarca que tería que aturar moreas de refugallos e consecuencias imprevisibles.

Uns 10 anos de explotación que darían traballo a 271 persoas, ademais das que se empreguen para a construción da infraestrutura. Uns empregos que son o argumento empregado pola empresa e os concellos do PP que a apoian, así como un colectivo favorable á mina que vén de presentar 7.000 sinaturas na Xunta. Na outra banda, a plataforma Cabana xuntou máis de 23.000 firmas e a campaña #salvemosgalicia acumula xa case 200.000 tras o exitoso vídeo no que varios persoeiros galegos advertiron a todo o Estado das ameazas que asolan Galicia e do efímero dun proxecto que "levará o ouro e deixará Galicia sen nada". Mentres, a UE vixía de cerca a multinacional canadense, así como a Defensora del Pueblo e o Valedor do Pobo, ante os centos de reclamacións que reciben estes organismos.

A oposición contra a mina en Bergantiños logrou xuntar máis de 200.000 sinaturas e provocar a investigación da Defensora del Pueblo ou a UE

Foi esta forte oposición a que fixo volver ás portadas unha ameaza mineira que será rexeitada por milleiros de persoas este vindeiro domingo en Compostela. Unha manifestación sen logotipos, pero cunha das convocatorias máis unánimes que se lembra desde as épocas da catástrofe do Prestige. Como daquela, tan só faltará o PP.

 

 

Participantes na manifestación contra a mina de Corcoesto CC-BY-SA Praza Pública
Dominio Público Praza Pública

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.