Touradas na Coruña: Nin rendibles, nin masivas, nin exitosas

Touradas no Coliseum da Coruña no verán de 2012 CC-BY M. Pereira

Unha media de pouco máis de 3.000 espectadores ao día (entradas regaladas incluídas), un espectáculo nada rendible para a empresa organizadora e unha achega en cartos públicos de arredor de 90.000 euros. A feira taurina da Coruña, celebrada esta última fin de semana na cidade, perde folgos ano a ano. Sen subvencións directas -pero si indirectas-, sen apoio popular, cun rexeitamento e mobilizacións cada vez máis asentadas e malia o agasallo de centos e centos de billetes, as touradas esmorecen aos poucos.

A asistencia foi de 10.000 persoas en tres días, incluíndo as entradas gratuítas, a menor dos últimos anos

Sen cifras oficiais, os cálculos dos tres días de feira falan dunha asistencia total de 10.000 persoas, a peor dos últimos anos e a pesar dun cartel que semellaba ser do agrado dos afeccionados á tauromaquia. O sábado, o día de maior afluencia, o Coliseum acolleu unhas 7.000 persoas, polas mil e pouco nas xornadas de venres e domingo. E puido ser peor. O agasallo de entradas a través dalgún medio de comunicación axudou a minorar a sensación de baleiro que as bancadas ofreceron nalgún dos días.

Unhas 300 persoas xuntábanse o venres nunha cola para billetes gratuítos; na do lado, só unha pagaba por eles

O mesmo venres, a media mañá, unha cola dunhas 300 persoas agardaba nas taquillas para recoller billetes gratuítos. Ao lado, unha única persoa esperaba polas súas entradas de pago. É só un síntoma. Pero o propio David Hebrero, director de Eventauro, compañía que organizou a feira, recoñeceu a Praza que os tres días de touradas non foron rendibles economicamente para a compañía, malia sentirse "contentísimo" pola resposta da cidade e do público.

"Economicamente é moi difícil que saia rendible porque a nosa é unha aposta a longo prazo; hai que ter en conta que este ano non hai esa subvención de 120.000 ou 130.000 euros e hai que facer moito traballo e ter moita imaxinación", aclara, tras declararse "satisfeito", pero só confiando en que o labor dea os seus froitos no futuro "e poidamos volver atraer xente até ver a praza chea". Eventauro investiu 300.000 euros e non os recuperará. Xa antes da feira dicía aspirar unicamente a "aguantar" ou "defender" o investimento.

A empresa organizadora recoñece que, polo momento, o evento non lle é rendible economicamente

O feito é que o Concello non fixo investimento directo ningún, pero si de xeito indirecto. Uns 90.000 euros que inclúen a adaptación e obras no Coliseum de forma gratuíta, é dicir os 35.000 euros que custan as obras, ademais doutros 50.000 euros en taxas municipais que non se lle cobraron ao empresario taurino, a cesión de forma gratuíta do despacho de billetes público da praza de Ourense para a venda de entradas, do aparcadoiro privado do Coliseum ou da banda municipal de música. Así o denuncia Galicia Mellor sen Touradas (GMST), que o sábado reuniu na praza de María Pita un milleiro de persoas en protesta contra as touradas e as achegas públicas a unha festa que considera "a tortura indigna dun animal".

Rubén Pérez, voceiro deste colectivo, fai un "balance positivo" tras os tres días de feira taurina, ao comprobar que "a asistencia de público foi a menor dos últimos anos" e todo "a pesar de que hai xornais que seguen regalando centos de entradas". "Ademais, a afluencia á nosa protesta duplicou ao do ano pasado e supuxo un 10% da asistencia ao Coliseum", lembra, tras denunciar tamén a "contraprogramación" levada a cabo polo Concello. Á hora da súa concentración, un espectáculo de "apoloxía" militarista e os ensaios para un concerto posterior silenciaron un chisco as súas reivindicacións.

"Dixérannos que A Coruña era unha cidade antitaurina, pero non o é", di o empresario organizador da feira

Para David Hebrero, director de Eventauro, o balance é todo o contrario. "Dixérannos que A Coruña era unha cidade antitaurina e as expectativas eran malas, pero non foi así; estamos contentos co público, aínda que é certo que a cidade está un pouco illada do circuíto tradicional das touradas por razóns xeográficas", asegura, tras argumentar a escasa afluencia e relevancia da feira "no escaso tempo" do que a compañía dispuxo para organizar o evento.

"Se é un espectáulo de masas, por que se regalan entradas? No baloncesto non se deron pases gratuítos", din desde Galicia Mellor sen Touradas

Ademais, asegura que a única concentración taurina que viu "xuntaba 18 persoas fronte aos 7.000 asistentes da corrida do sábado". "Hai que telo en conta; A Coruña non é unha cidade antitaurina", aclara Hebrero, que non oculta que precisará anos para que a feira lle saia rendible. "Cada vez van menos persoas ás touradas, que seguen a ser dependentes dos subsidios municipais", retruca Rubén Pérez, que insiste en solicitar un referendo para que a cidadanía coruñesa se manifeste sobre este espectáculo e que se pregunta "por que se regalan entradas se disque é un espectáculo de masas". "Para o baloncesto non se regalaron un milleiro de billetes, iso seguro", engade.

Porque até a empresa organizadora recoñece que, malia estar "contenta" co resultado da feira, a afluencia e afección aos touros en Galicia nada ten que ver coa doutros lugares do Estado. A rendibilidade económica, nin moito menos e a pesar de que a empresa dispón, de maneira indirecta, de 90.000 euros de aforro. Porque mentres as protestas antitaurinas aumentaron a súa afluencia, un teórico espectáculo de masas segue caendo en número de espectadores.

Público nas touradas da Coruña, no verán de 2012 CC-BY M. Pereira
Concentración antitaurina na Coruña CC-BY Ricardo Saavedra

Despece

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.