“Non podemos regalar o territorio, non podemos facer nada que logo sexa irreversible. Non podemos entregar o máis definitorio de nós mesmos, unha das costas máis ricas, especiais e singulares do mundo”. Estas palabras expresadas por Manolo Rivas en 2005 resumían o sentir dun movemento que comezaba a agromar: o anti Plan Acuícola. Era un momento decisivo no que a macropiscifactoría que Pescanova pretendía construír en Cabo Touriñán aínda supoñía unha ameaza real para esta paraxe natural e outros vinte novos proxectos buscaban oco nos últimos tramos de litoral virxe de Galicia.
Case sete anos despois, e tras unha longa travesía legal, a costa galega volve estar no punto de mira. E Touriñán como punta de lanza. Uns 357.000 metros cadrados de cabo virxe poderían finalmente quedar sepultados baixo as piscinas acuícolas se Pescanova se decide a levar a cabo o proxecto paralizado coa entrada do Bipartito no Goberno galego. A actual Xunta de Galicia déixalle a porta aberta coa aprobación do futuro Plan Director de Acuicultura Litoral, que elimina posibles impedimentos para a instalación de granxas de peixes planos e fai que toda a costa sexa susceptible de acoller unha destas plantas, incluso aquelas zonas amparadas baixo a figura da Rede Natura.
O futuro Plan Director de Acuicultura Litoral elimina posibles impedimentos para a instalación de granxas de peixes planos e fai que toda a costa sexa susceptible de acoller unha destas plantas
O proxecto non só conta co visto e prace da Xunta, senón tamén do propio Concello de Muxía. O seu alcalde, o socialista Félix Porto, amósase a favor da piscifactoría en Touriñán, así como de todas aquelas iniciativas que poidan xerar emprego e acabar coa lacra do paro na comarca. Un discurso que entronca con parte da poboación desta localidade –que ao longo destes anos protagonizou sonoras manifestacións a favor da chegada de Pescanova á zona- e mesmo da Federación de Empresarios da Costa da Morte (Fecom) para quen a actividade piscícola é unha vía para evitar o despoboamento que a zona sofre dende os 80 e a alta taxa de desemprego.
“Non podemos desbotar un sector que pode traer riqueza á zona, sempre e cando o seu desenvolvemento respecte o medio natural e encaixe o mellor posible na paisaxe”, explica o seu presidente, José Gabín Martínez, quen ve necesario que ás empresas piscícolas se lles aplique un control rigoroso e que se lles obrigue a mellorar a contorna e a respectar en todo momento a paisaxe. Uns requisitos que para Gabín cumpría o proxecto de Pescanova para Touriñán, “perfectamente adaptado á contorna”.
Un proxecto cun futuro pouco claro
Ante esta situación, teremos finalmente una piscifactoría en Touriñán? Pese a todo, o certo é que a materialización deste megaproxecto a día de hoxe está máis lonxe que preto. O económico é o primeiro dos motivos. Á crise xeralizada súmase un factor determinante para que Pescanova decida non levar adiante o proxecto: a retirada das axudas que a UE destinaba a través dos fondos de Pesca á acuicultura industrial e que agora limita á tradicional. Unhas axudas coas que a multinacional acuícola pretendía financiar ata o 50% do proxecto, tal e como fixo na planta inaugurada na localidade portuguesa de Mira, actualmente a máis grande de Europa.
Á crise xeralizada súmase un factor determinante para que Pescanova decida non levar adiante o proxecto: a retirada das axudas que a UE destinaba a través dos fondos de Pesca á acuicultura industrial
“Mentres non cambie esta situación, o investimento non sería atractivo. No momento en que cambie, volverémolo considerar pero neste momento non sería economicamente interesante abordar un proxecto nestas circunstancias”, asegurou o presidente de Pescanova, Manuel Fernández de Sousa-Faro nunha das súas últimas intervencións públicas. Consciente desta situación, a conselleira de Mar, Rosa Quintana, viaxou a Bruxelas para reunirse coa comisaria Maria Damanaki para tentar reorientar parte destes fondos á acuicultura como sector estratéxico, tentativa fallida que alonxa un pouco máis a creación dunha macroplanta no Cabo Touriñán.