Traballadores de Navantia queiman bonecos de Feijoo e Rey Varela

Traballadores de Navantia queiman senllos bonecos de Feijoo e Rey Varela CC-BY-NC Susete

Ao redor de dúas mil persoas manifestáronse este xoves pola máñá polas rúas de Ferrol nas proximidades da sede do PP e do Concello, moi protexido pola policía. As razóns, as mesmas dos últimos meses: reclamar carga de traballo para un sector que esmorece, os máis de dous milleiros de empregos destruídos nos últimos 18 meses e unha morea de promesas incumpridas.

A finais deste ano entregarase o único buque que queda en construción en Navantia, o LHD encargado por Australia, pero os traballos xa se finalizarán meses antes. Os traballadores volveron censurar a falta de avances nos trámites para a construción do dique flotante, así como nos prometidos floteis cos que o presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, encheu de promesas a campaña das últimas eleccións autonómicas.

Ao final da marcha, na que a forte chuvia estivo presente en todo momento, plantáronlle lume a dous bonecos coas caretas do presidente da Xunta e do alcalde da cidade. Estas figuras encabezaron en todo momento a manifestación, cunha corda ao pescozo, e senllos cartaces nos que se podía ler "dique, culpable" e "flotel, culpable". Consumidas as lapas, a marcha disolveuse.

 

Manifestación dos traballadores de Navantia ante a sede do PP CC-BY-NC Susete
Manifestación dos traballadores de Navantia en Ferrol CC-BY-NC Susete

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.