Traballadores denuncian nun blog a "manipulación informativa" na TVG

Captura de imaxe do blog do comité da TVG © Eunonmanipulo

Traballadores da TVG denuncian a "manipulación informativa" que, segundo eles, se dá nos telexornais da canle pública galega. Logo de expresar o seu malestar en varias ocasións co tratamento que se lle dá a certas noticias -especialmente en todas aquelas que están relacionados co PP ou con administracións gobernadas polos conservadores-, o comité vai máis aló e vén de sacar á luz un blog no que se analizan numerosas novas, comparando o tratamento que reciben na televisión autonómica co que se lle dá noutros medios.

Así, a bitácora Eu non manipulo analiza con detalle ata quince informacións emitidas en diferentes telexornais da TVG. A primeira delas ten que ver coas polémicas fotos publicadas polo diario El País onde o presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, sae retratado xunto ao narcotraficante Marcial Dorado, que cumpre condena na cadea.

"O Telexornal ofrece un único vídeo coas explicacións de Feijóo e o comunicado do PP, sen ofrecer detalles achegados por 'El País' en exclusiva"

"Ese mesmo día, no Telexornal ofrécese un único video onde se recollen as fotos publicadas por El País, as explicacións do presidente Feijóo á Radio Galega e o comunicado do PP, sen ofrecer ningún dos detalles achegados polo xornal na súa exclusiva", destaca a análise deste blog, que repara tamén no feito de que o vídeo sobre esta relevante información -que foi portada en case todos os medios- se emitise "ás 14:42 e ás 21:12, ben avanzados os telexornais do día", ademais de denunciar que "non se ofrecesen reaccións dos distintos partidos políticos galegos". 

O blog destaca que mentres se minimizan as polémicas que afectan ao PP si se dan "todo luxo de detalles" das que implican a José Blanco ou Fernández Toxo

Pola contra, a bitácora do comité de empresa da TVG sinala que a información que "si merece un vídeo con todo luxo de detalles nos dous telexornais" é aquela derivada dunha noticia do diario La Razón na que se fai referencia a un segundo informe da UDEF (Unidade Central de Delincuencia Económica e Fiscal) que destaca que "a obra do chalé do ex ministro socialista Xosé Blanco 'pagouna' o empresario José Antonio Orozco".

Na mesma entrada, titulada As distintas varas de medir, tamén se denuncia que si se lle deu importancia nos distintos telexornais a outra información doutro xornal conservador, neste caso o ABC, na que se denuncia que o secretario xeral de CCOO, Ignacio Fernández Toxo, "avalou ante notario a creación dunha asociación para o cobro de ERE".

En contraposición a estas informacións, o blog dos traballadores da TVG repara que unha nova "de semellante calibre" como a que advirte que Feijóo xa presentara a súa dimisión en 2003 polas súas fotos con Marcial Dorado "non aparece nos telexornais". "Ese día omítense as reaccións de AGE e do BNG sobre a evolución do caso e tampouco se recolle outra nova destacada nun xornal como El Mundo" na que se asegura que "o Concello de Madrid costeou 203 clases de golf para Aznar e os seus familiares". "Nin rastro dela nos telexornais", destacan.

Esta análise sobre o tratamento que a TVG está a dar ás informacións sobre a relación de Feijóo co narcotraficante Marcial Dorado é tan só unha das varias que se inclúen no blog que, tal e como se aclara, "foi creado polo Comité de Empresa da Televisión de Galicia para denunciar a manipulación informativa que sofre a canle pública e para demandar a creación do estatuto profesional que establece o artigo 36 da Lei 9/2011 de 9 de novembro dos medios públicos de comunicación audiovisual de Galicia, e que contempla a creación dun Consello de Informativos para a Corporación RTVG".

O comité denuncia o "silencio" dos telexornais respecto a manifestacións a prol da sanidade pública

Entre as outras moitas análises inclúense denuncias sobre o tratamento de moitas outras informacións. Así, censúrase a "minimización da resposta social aos desafiuzamentos", como no caso de Aurelia Rey na Coruña; o nulo tratamento das estatísticas que falan do elevado número de licenciados galegos en paro; a "ocultación" do feito de que "Bruxelas corrixa ao Goberno"; ou que se "silencien" as manifestacións contra a área sanitaria única en Monforte de Lemos. Pero estes son tan só algúns exemplos, no blog inclúense unha morea de exemplos, clasificados incluso en varios grupos: as versións interesadas, máis manipulación ou o que non se deu.

 

Traballadores da TVG no plató do Telexornal © CRTVG

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.