Tres horas de unidade de oito radios da Coruña pola Asociación Galega de Asperger

Presentación da sexta edición d'A Radio Conta, na Casa do Concello da Coruña CC-BY-SA Concello da Coruña

Volve A radio conta por sexto ano consecutivo e faino para apoiar a Asperga, a Asociación Galega de Asperger, impulsada dende hai máis dunha década por persoas con esta síndrome e as súas familias. Durante tres horas do vindeiro 29 de decembro as principais radios da Coruña volverán unir a súa emisión nun programa especial ao vivo dende o Teatro Rosalía (17:00) no que todo o recadado irá parar a este colectivo.

O programa impulsado dende oito emisoras coruñesas emítese ao vivo dende o Teatro Rosalía dende as cinco da tarde do 29 de decembro

Conducido por Moncho Viña, a "redacción" desta festa da radio coruñesa está composta por profesionais de todas as emisoras participantes -Radio Galega, RNE, Onda Cero, Radio Voz, Radio Coruña, Radio Marca, COPE e Intereconomía- e, coma sempre, contará con música, humor e entrevistas distendidas. Así, polo escenario do Rosalía pasarán representantes do mundo do teatro e o cinema como Luis Iglesia ou Carmen Méndez, así como voces habituais da divulgación científica como Déborah García Bello e Jorge Mira.

O escenario d'A Radio Conta en 2017 © A Radio Conta

A banda sonora da sexta edición d'A Radio Conta porana Rosa Cedrón e Jorge Casal, o grupo Octopus Garden ou o barítono Borja Quiza. En clave local, o guía e historiador Suso Martínez transformarase no histórico alcalde Manuel Puga y Parga, Picadillo, para explicar os cen anos de historia do Pazo de María Pita e o compositor Juan Durán debullará o 250º aniversario do primeiro teatro da ópera que tivo a cidade.

Rosa Cedrón, Luis Iglesia, Déborah García ou a representación do histórico alcalde 'Picadillo', entre os participantes no programa

O humor de David Perdomo e Os Entendidos serán outro dos ingredientes no que a parte solidaria virá pola banda das doazóns do público. A entrada á emisión ao vivo do programa é libre, pero con doazóns voluntarias e no propio teatro haberá ademais á venda material d'A Radio Conta cuxa recadación será destinada a Asperga. A xeito de 'fila cero', tamén é posible colaborar a través de ingresos na conta bancaria aberta pola iniciativa en CaixaBank (ES57 2100 1786 9202 0014 7208)

Asperga apoia persoas coa síndrome de Asperger dende os seus centros da Coruña e Santiago

O programa A Radio Conta ten o apoio do Concello da Coruña, cuxa edil de Igualdade e Diversidade, Rocío Fraga, destaca a tradición radiofónica da cidade e a defensa, por parte do goberno local, do "dereito a comunicar" e deste medio como "accesible para a veciñanza, porque nela teñen cabida todas a voces". Fraga anima á colaboración con Asperga, colectivo que traballa na tención sanitaria, educativa e laboral das persoas con Asperger.

Nos seus doce anos de traxectoria Asperga abriu dous centros de atención, na Coruña e Santiago. Alí "ofrece terapia individual e grupal" e desenvolve "valoracións diagnósticas de casos con sospeita deste transtorno", explican dende a asociación.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.