Trinta colectivos presentan un manifesto de solidariedade cos independentistas xulgados en Madrid

Acto de Ceivar celebrado hai uns meses Dominio Público Ceivar

Trinta colectivos veñen de presentan un manifesto de solidariedade con Eduardo Vigo, Roberto Rodrigues, Maria Ossório e Antom Santos, que os vindeiros dias 24 e 25 de xuño serán xulgados na Audiencia Nacional de Madrid polo delicto de pertenza á suposta organización terrorista Resistencia Galega. O texto está asinado por ao redor de trinta entidades, entre as que se atopan partidos políticos (FPG, NÓS-Unidade Popular, Causa Galiza, Movemento pola Base...), sindicatos (CUT, CNT, CIG-Servizos...), organizacións xuvenís (Adiante, AMI, Galiza Nova...), centros sociais e outros movementos.

O manifesto alerta da posibilidade "de que este tribunal ditamine nese xuízo a existencia dunha organización terrorista en Galiza" e sinala que "a formalización xurídica da existencia desta suposta organización é unha estrataxema do Estado para abrir as portas á criminalización do soberanismo, facilitando detencións, ilegalizacións e o agravamento do xa de por si agudo déficit democrático que suportamos". Tamén denuncia que "a Audiencia Nacional responde a directrices políticas e carece das mínimas garantías xurídicas esixíbeis, como xa denunciaron organizacións de dereitos humanos e instancias internacionais".

De igual xeito o texto sinala "a excepcionalidade xurídica a que están sometidos" os acusados, "presos sen se celebrar o seu xuízo desde hai ano e medio e dispersados a centos de quilómetros dos seus lugares de residencia" e expresa a "solidariedade e afecto aos familiares dos independentistas presos".

Acto de Ceivar celebrado hai uns meses Dominio Público Ceivar

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.