UGT e CCOO chaman a mobilizarse "contra o paro e pola rexeneración democrática"

Imaxe panorámica da manifestación de CCOO e UGT na Coruña © Daniel Candal

UGT-Galicia e CCOO de Galicia convocan a cidadanía a manifestarse baixo o lema Contra o paro e pola rexeneración da democracia o vindeiro 10 de marzo, sumándose así á iniciativa dos sindicatos estatais e do Cumio Social, que se enmarca dentro das mobilizacións europeas da Confederación Europea de Sindicatos no conxunto da UE.

UGT e CCOO animan a "reprobar as actuacións da Comisión Europea e das súas políticas fracasadas"

Nun comunicado conxunto, UGT e Comisións expresan a necesidade de se mobilizar para "reprobar as actuacións dunha Comisión Europea enrocada en políticas fracasadas" e que é "allea aos problemas da cidadanía europea á que deben a súa lexitimidade". "Tras cinco anos de crises o único que crece dentro e fóra de Europa é a desigualdade, o desemprego, a miseria, a exclusión social e as dúbidas sobre uns dirixentes europeos cuxa pertinaz insistencia en políticas fracasadas resulta inaceptable", aseguran.

Ademais, chaman á mobilización tamén para "facerlle saber ao Goberno de España que o tempo das mentiras e os discursos ocos terminou". Así, destacan que os seis millóns de parados no conxunto do Estado, así como os trescentas mil en Galicia, das que cento vinte mil delas non reciben ningún tipo de prestación, son "unha insoportable realidade" para o país. Por iso, critican o afastamento por parte do Executivo dos problemas dos cidadáns e advirten de que, "de non corrixirse de xeito urxente e en profundidade" este afastamento, córrese o risco de chegar a situacións "como a de Italia, onde as recentes eleccións demostraron o éxito das opcións populistas e a fartura dunha parte da poboación co actual funcionamento das institucións democráticas".

Advirten de que o "afastamento" do Goberno dos problemas cidadás pode acabar en situacións "como a de Italia"

Do mesmo xeito, CCOO e UGT aproveitarán esta mobilización para "denunciar", con motivo da conmemoración do día Internacional da Muller Traballadora do 8 de marzo, "as consecuencias que a crise e as políticas neoliberais teñen en materia de xénero", así como "rexeitar o desmantelamento dos servizos públicos e calquera reforma unilateral do sistema público de pensións".

Ademais, coa manifestación, que pretende ser masiva, os sindicatos queren tamén "advertir ao Goberno e aos grupos parlamentarios" sobre "calquera intento de enganar a cidadanía na tramitación parlamentaria da ILP pola dación en pago e a paralización dos desafiuzamentos que desvirtúe ou perverta os seus principais obxectivos". Ao tempo, pretenden "rexeitar a reforma da lei de bases de réxime local", condenar "todos os intentos de deslexitimización ou represión dos dereitos constitucionais de expresión, pensamento, ou manifestación" e "os casos de aberta complicidade entre cargos públicos e empresas, que corrompen o exercicio da actividade política".

Os sindicatos censuran "os intentos de deslexitimización" da protesta e piden "a expulsión dos corruptos" da vida pública

CCOO e UGT exixen "que se devolva á política a súa condición de ferramenta ao servizo das persoas, expulsando as persoas corruptas da vida pública e acometendo as reformas constitucionais que sexan precisas", conclúen, antes de volver animar a cidadanía a participar nunhas manifestacións que se levarán a cabo nas principais cidades galegas e nun total de 50 urbes de todo o Estado.

Manifestación de CCOO e UGT en Vigo © CC.OO.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.