Un 14 de abril entre a segunda e a terceira república

Manifestación pola república en Vigo © http://federacion.republicanos.info/

"Pola República". Con este lema, directo, sinxelo e aberto, convoca a Asemblea Republicana de Vigo a manifestación que a partir das oito da tarde, dende a farola de Urzaiz, percorrerá as rúas da cidade até a Porta do Sol, e que encabeza a axenda de actos republicanos deste 14 de abril en Galicia. Tamén están programados actos en Compostela ou A Coruña. Nos últimos días Marín, Rianxo, Vilalba, Ourense ou Pontevedra tamén acolleron actividades de debate, conmemorativas ou de reivindicación.

A marcha viguesa acadou o pasado ano unha notable participación, próxima ás dúas mil persoas, a máis numerosa da última década. Nesta ocasión os seus organizadores esperan multiplicar a asistencia

A marcha viguesa acadou o pasado ano unha notable participación, próxima ás dúas mil persoas, a máis numerosa da última década. Nesta ocasión os seus organizadores esperan multiplicar a asistencia. Dende hai semanas en varios puntos da cidade pódense ver vallas que promocionan a mobilización, unha campaña que ao longo do día de hoxe se completa con cuñas na radio e na televisión locais, e que ademais tivo a súa parte de polémica ao saberse que Vitrasa, a empresa de autobuses urbanos da cidade, anulou a emisión destas cuñas nos monitores instalados nos seus vehículos. A empresa xustificou o veto por unha das cláusulas dos contratos de inserción de anuncios, que determina que se debe excluír "calquera mensaxe política”. A Asemblea Republicana considerou, no entanto, que a medida supuña unha "conculcación dun dereito fundamental".

Haberá actos tamén na Coruña, onde o Ateneo Republicano realizará ás cinco da tarde unha ofrenda floral no cemiterio civil da cidade. Ás seis e media, ademais, está convocada unha concentrará no Campo da Rata, en Punta Herminia, onde o presidente do Ateneo, Cándido Barral, dará un discurso ante o monumento aos fusilados.

De igual xeito, en Compostela, Esquerda Unida realizará ás 13 horas, no cemiterio de Boisaca, unha ofrenda floral en memoria e recoñecemento das vítimas do franquismo. A partir das 19.30 na Alameda, diante do instituto Rosalía de Castro, terá lugar ademais unha mesa redonda sobre a Terceira República, coa presenza, entre outras persoas, do deputado de AGE Xabier Ron. Tamén se celebrará un acto este luns en Marín, no xardín situado a carón do Concello, onde a partir das oito da tarde se realizará unha ofrenda floral ante a Pedra da Liberdade. A homenaxe contará coa actuación da Banda Amigos da República e do cantautor Samu Acuña.

Pola súa banda, Esquerda Unida difundiu un manifesto titulado Pola III República, con motivo do 14 de abril, no que sinala que "máis que nunca, faise necesario un cambio na nosa sociedade, unha alternativa a este sistema bipartidista cuxo único obxectivo é manter, custe o que custe, a herdanza dunha Transición cuxo modelo de Estado xa non se sustenta". E destaca que "a alternativa republicana que propoñemos non é só que en vez de rei haxa un presidente. O concepto República está ligado a un contido: igualdade social, democracia, ética, liberdade, e iso é incompatible coa monarquía".

De igual xeito, as Xuventudes Socialistas de Galicia (XSG) presentaron este luns unha campaña coa que reclaman a instauración da III República Española e conmemoran a proclamación da II República o 14 de abril de 1931. “Considerámonos republicanos por razóns ideolóxicas, de memoria e de principios éticos”, destacan. O seu secretario xeral, Aitor Bouza, salientou que “o fin último que trae consigo a República é a consecución dunha cidadanía preparada, libre, igualitaria, que sexa o contrapeso do poder cando este se exerce de costas a ela. Por iso –concluíu– hoxe máis que nunca, debemos apostar por unha España Republicana”.

 

Actos ao longo da fin de semana

Nos últimos días distintas cidades e vilas galegas veñen acollendo actos de todo tipo vencellados á celebración republicana, tanto de conmemoración da Segunda República e de homenaxe aos represaliados pola ditadura franquista, como de reivindicación dun proceso constituínte e de instauración da Terceira República. Así, por exemplo, en Marín a Asociación pola Recuperación da Memoria Histórica abriu os actos conmemorativos cunha conferencia-coloquio sobre os "Mestres represaliados en Marín”, a cargo do investigador Xosé Manuel Moreira Docampo. De igual xeito, este domingo a Asociación celebrou no monolito instalado na Cruz da Maceira "un acto de lembranza e recoñecemento das persoas que sufriron a represión franquista no noso concello", que contou coa presenza de representantes das diversas asociacións da memoria histórica do Morrazo e de Pontevedra, e no que interviron Xosé María Álvarez Cáccamo e Pepe Álvarez Castro.

Na Coruña, o pasado venres a Comisión pola Recuperación da Memoria Histórica (CRMH) celebrou unha concentración na Avenida de Navarra, a carón do Memorial ás Vítimas do Franquismo na Coruña, e unha ofrenda floral. O acto precedeu á Cea-Celebración do Día da República 2014, e posterior entrega do premio Republicana de Honra 2014 á investigadora e historiadora Aurora Marco, que pola mañá fora recibida, en acto institucional, polo reitor da UDC.

En Rianxo, o Concello realizou un acto de homenaxe e unha ofrenda floral ás vítimas da represión franquista no monolito situado no espazo que ocupou o antigo campo de concentración. No acto, que contou coa intervención do alcalde da vila, Adolfo Muíños, destacáronse os valores da República.

En Ourense celebrouse un acto cívico no cemiterio de San Francisco, na fosa común na que foron depositados os cadáveres de moitos republicanos e republicanas asasinados a partir de 1936

En Ourense celebrouse un acto cívico no cemiterio de San Francisco, na fosa común na que foron depositados os cadáveres de moitos republicanos e republicanas asasinados a partir de 1936. No acto, organizado polo colectivo Amigos da República de Ourense, participaron as concelleiras Marga Martín,, Ana Garrido e Susana Bayo, e numerosos representantes de entidades sociais, culturais e sindicatos. Os actos de Amigos da República comezaran a semana anterior cun recoñecemento ao histórico dirixente comunista, Manuel Peña Rey, e coa presentación do libro de Dionisio Pereira Emigrados, exiliados e perseguidos. O sábado 12, ademais, Ourense acolleu o festival Rockpública 2014, organizado por Amigos da República e o Concello, e que serviu para conmemorar o 14 de abril.

En Ames este domingo tivo lugar unha homenaxe á corporación republicana do Concello, presidida polo alcalde Óscar Lojo Batalla e destituída en 1936. O acto, organizado por Ames Novo, consistiu nunha ofrenda na Escola de Tapia, diante do busto de Lojo Batalla, e nel participaron representantes de PSdeG-PSOE, Anova e Esquerda Unida.

Ademais, en Vilalba, Esquerda Unida organizou ao longo de toda a semana as Xornadas pola III República, coa proxección de documentais, debates e unha asemblea aberta, o pasado mércores, sobre o proceso constituínte da III República. Por último, en Pontevedra, este domingo Esquerda Unida, Federación Republicanos (RPS), Xuventude Comunista e o Partido Comunista de Galicia celebraron un acto público de reivindicación da Terceira República.

Manifestación pola república en Vigo © http://federacion.republicanos.info/
Unha das vallas que dende hai unhas semanas se poden ver nas rúas de Vigo © Asemblea Republicana de Vigo
Homenaxe á corporación republicana de Ames © Ames Novo

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.