Un 16 de xuño polo dereito da muller a decidir

Acción desenvolvida hai tres semanas na sede da Xunta en Vigo © Feminismos Vigo

"A liberdade de ser nai pasa pola liberdade de non selo". É unha das ideas-forza que repiten as ducias de colectivos que se agrupan na Plataforma Galega polo Dereito ao Aborto, que covoca a manifestación nacional que este domingo percorrerá as rúas de Compostela. De fondo, a proposta do ministro Gallardón de acabar coa lei de prazos -que rexe en case toda Europa e que foi aprobada en España en 2010- para regresar ao dereito limitado e condicionado da norma de 1985, a sistema de supostos. A marcha partirá ás cinco da tarde da Estación de Tren e rematará na Praza de Praterías ao redor das sete, nun acto presentado por Mónica Caamaño e que contará coa participación de Mercedes Peón, Uxia Senlle, Habelas Hainas, Sonia Lebedynski, As Boubas, Estíbaliz Espinosa ou Teresa Moure

A marcha partirá ás cinco da tarde da Estación de Tren e rematará na Praza de Praterías ao redor das sete, nun acto presentado por Mónica Caamaño

A Plataforma denuncia que a reforma da lei do aborto "non só é un retroceso de máis 25 anos nos dereitos das mulleres, senón que supón volver a un tempo onde, as que podían, viaxaban ao estranxeiro para abortar ou o facían clandestinamente", diferentes dereitos en función do poder adquisitivo de cada muller polo tanto e unha norma que devolve "á minoría de idade" ás mulleres pois supón "que miles de mulleres necesiten o permiso dun ou dunha profesional ou do titor ou titora legal (no caso das menores de idade), para poder interromper a súa xestación". E tamén unha "caza de bruxas" que levará a que profesionais e mulleres se vexan implicadas e imputadas en múltiples xuízos, moitos deles con resultado condenatorio".

Consideran que este tipo de lexislación "non ten outra finalidade que non sexa acalmar as reclamacións do lobby de presión da Igrexa católica e outros grupos fundamentalistas dos que se rodean os gobernos do PP e, ademais, ten un carácter puramente ideolóxico e moral". Non é, acusan, "unha Lei que garanta ningún dereito -de feito contradí o Tratado Internacional dos Dereitos Humanos- e, por tanto, está fóra de lugar nun Estado que se define a si mesmo como democrático".

Consideran que este tipo de lexislación "non ten outra finalidade que non sexa acalmar as reclamacións do lobby de presión da Igrexa católica e outros grupos fundamentalistas dos que se rodean os gobernos do PP"

A Plataforma entende, ademais, que esta reforma "non é un feito illado", senón que "se enmarca en todo un camiño de agresións aos dereitos sexuais e reprodutivos das mulleres". Para a plataforma a reforma da lei do aborto é unha decisión máis "dentro dunha estratexia máis ampla, clasista e  machista, que está tentando impoñer o PP". "A política de gasto público que está levando a cabo o Goberno é un ataque claro á muller; só hai que reparar nos recortes en mamografías, en revisións xinecolóxicas, nos centros de orientación familiar ou nas campañas entre a mocidade para unha vida sexual sa e segura". E lembran que coa ilegalización do aborto "o único que se consegue son 47.000 mortes ao ano e 5 millóns de mulleres que padecen incapacidade como consecuencia de abortos inseguros (segundo datos da ONS)".

"A xente debe mobilizarse e non debe ser pasiva ante un problema que nos afecta a todos porque é un novo recorte de dereitos", reivindica Pilar Estévez, unha das voceiras da plataforma. "É unha presión dos grupos de poder que hai dentro das propias filas do PP, así como da Igrexa e da Conferencia Episcopal, que supoño que estará exixindo todo aquilo que o partido lle tiña prometido antes", di a voceira da plataforma polo dereito ao aborto, que engade que "queren aproveitar o seu contexto favorable; non farían isto se non tivesen maioría absoluta e tivesen que pactar, pero teñen o poder no Estado e en case todas as autonomías e ademais empregan os medios públicos para crear de maneira descarada unha opinión favorable ás súas teses", explica.

Acción desenvolvida hai tres semanas na sede da Xunta en Vigo © Feminismos Vigo
Acción a prol do dereito ao aborto CC-BY-SA Feminismos.eu
© Susete

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.