Un 25-N contra todas as agresións ás mulleres

Cartaz da campaña da CIG para o 25-N CC-BY-NC-SA CIG

Contra a violencia exercida no ámbito da parella, pero tamén contra as agresións que non teñen forma física ou psicolóxica, senón económica, laboral, legal ou calquera outra. Diversas organizacións sindicais e políticas preparan nestes días os actos que celebrarán no entorno do 25 de novembro co gallo do Día Internacional contra a Violencia contra as Mulleres, unha xornada que desta volta virá marcada non só pola oposición frontal ás agresións machistas, senón tamén ás presións e dificultades vinculadas á crise e aos recortes.

Este é o caso, por exemplo, das accións que realizará a Secretaría da Muller da CIG, que este mércores presentaba a súa campaña do 25-N baixo o lema Os verdadeiros monstros atópanse fóra dos contos. A responsable desta secretaría, Margarida Corral, sinala que o obxectivo da central sindical é evidenciar que estes "monstros" non só se agochan por tras da parella que maltrata, senón tamén "baixo a faciana do patrón explotador, do xefe acosador, do agresor, do calumniador, do chantaxista, dos que nos castigan por sermos nais traballadoras" ou de quen tenta "decidir por nós no control dos nosos corpos" e "lexislar para criminalizarnos".

"O ambiente de traballo debería ser un espazo libre de violencia -detalla Corral- mais na práctica non o é", xa que se seguen a dar casos de "intimidacións" e faltas de "respecto cara ás traballadoras", explica. Nesta liña, a CIG chama a atención sobre as dificultades existentes para "denunciar este tipo de condutas" e "para que as denuncias prosperen" pola "falta de compromiso tanto do poder político como das Administracións ou da propia xudicatura". Relacionado con isto, a CIG celebrará o vindeiro día 24 unah concentración na estación de autobuses de Santiago "en solidariedade coa compañeira Nélida Pisco", condutora da empresa Autobuses de Calo "que tras varios anos de loita, por defender os seus dereitos como nai e traballadora, segue a ser acosada por parte da empresa e xa foi a xuízo por ter sido mesmo agredida".

A CIG pon o foco nos "monstros" que se agochan "baixo a faciana do patrón explotador" ou do "xefe acosador"

Tamén dende o ámbito político se pon o acento nas agresións contra as mulleres cara ao 25-N. Este mércores facíao a vicevoceira parlamentaria morreronde AGE, Yolanda Díaz, que nunha comparecencia co resto do seu grupo parlamentario apostou por denunciar a "violencia económica e laboral que se está exercendo sobre o conxunto das mulleres" e, no caso galego, "nós dicimos que as políticas do PP maltratan as mulleres do noso pobo", tanto dende o Goberno galego, con normas como a Lei de Familia, como dende o español, aplicando preceptos como a reforma laboral, di.

Yolanda Díaz: "As políticas do PP maltratan as mulleres do noso pobo"

"Máis ca nunca, en tempos de crise precisamos unha rede pública solvente de benestar social", subliña Díaz, unha necesidade que, ao seu xuízo, bate frontalmente con medidas como o incremento "do prezo das escolas infantís levado adiante polo Goberno de Feijóo", que "ataca duramente as mulleres e as familias monoparaentais", ou o feito de que as mulleres "que teñen que facerse cargo dunha función de carácter público" como a atención á dependencia o teñan que facer "por cantidades vergoñentas". Por motivos coma este, sinalan, AGE participará nas mobilizacións "unitarias" do 25 de novembro, "solidarizándonos coas vítimas e coas súas familias -no que vai de ano foron asasinadas 41 mulleres no conxunto do Estado, 3 en Galicia-" e tamén para "visualizar a outra parte da violencia estrutural deste sistema, que ten nomes e apelidos: chámase PP e convértenos en súbditas", di.

Cartaz da campaña da CIG para o 25-N CC-BY-NC-SA CIG

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.