Un ano de Praza. Veñan moitos máis!

Xuntanza do Padroado da Fundación Praza Pública do 22 de febreiro CC-BY-SA Praza Pública

Praza celebrou o pasado venres na Nave de Vídán de Compostela a súa festa de aniversario, precedida da xuntanza do Padroado da súa Fundación e do primeiro consello de lectores e lectoras. Como dixemos en varias ocasións, chegamos até aquí grazas a vós e co voso apoio queremos seguir, corrixindo os moitos erros e esquecementos que de segro cometemos, e mellorando cada día tentando facer bo xornalismo coa humildade dunha pequena redacción de tres xornalistas. É isto o que nos obriga a algo que debería ser norma no xornalismo: a necesitar a colaboración constantes de lectores e lectoras, a facer un xornal social e selectivo nos temas que escolle cada día. E a necesitar o voso apoio económico constante nun momento moi difícil para todos e todas e especialmente duro para os medios de comunicación.

O Padroado da Fundación Praza Pública aprobou a memoria económica do exercicio 2012 e a creación do consello de lectores e lectoras, un órgano estatutario de colaboración, asesoramento e debate que celebrou a seguir a súa primeira xuntanza e que queremos que sirva para formalizar cauces de interlocución coas persoas que apoian o proxecto. O Padroado tamén aprobou o nomeamento de Manuel M. Barreiro como novo presidente en substitución de Filipe Diez, que completou deste xeito o primeiro ano de xestión.

Do Consello de Lectores e Lectoras poden formar parte todos os colaboradores e colaboradoras de opinión de Praza, os autores e autoras de blogs, e aquelas persoas que fixeran unha achega económica de máis de 120 euros ou 10 euros mensuais. Na súa primeira xuntanza, na que participaron ao redor de 30 persoas, aprobouse o seu mecanismo de funcionamento. Todas as persoas que queiran participar nel, para facer suxestións sobre o desenvolvemento do xornal, deben enviar un correo electrónico a comunidade@praza.com.

E xa a partir das nove da noite deu comezo unha pequena festa, na que participaron máis de 110 persoas, e nas que uns breves discursos deron paso ás conversas entre os asistentes: xornalistas, colaboradores, lectores, amigos e amigas todas ás que agradecemos que compartisen con nós un dia moi especial. Habémonos ver, logo, o ano que vén, celebrando o segundo aniversario. Quedades emprazadas.

Podedes acceder a toda a información sobre a xestión e funcionamento de Praza no seu primeiro ano nesta ligazón.

Xuntanza do Padroado da Fundación Praza Pública do 22 de febreiro CC-BY-SA Praza Pública
Xuntanza do Consello de Lectores e Lectoras CC-BY-SA Praza Pública
Un momento da festa celebrada na Nave de Vidán CC-BY-SA Praza Pública
Un momento da festa celebrada na Nave de Vidán CC-BY-SA Praza Pública

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.