Un avogado vigués entregará no Ministerio de Xustiza 170.000 sinaturas contra a Lei de Taxas

Manifestación contra as taxas xudiciais en Ferrol Dominio Público @subiendoelpan

Fabián Valero, un avogado laboralista vigués e portavoz de Avogados Novos, entregará o vindeiro luns 1 de abril en Madrid as máis de 170.000 sinaturas que recolleu a través dunha petición online para reclamarlle ao ministro de Xustiza, Alberto Ruiz-Gallardón, que derrogue a Lei de Taxas Xudiciais. Será ás 11:00 da mañá no Rexistro do Ministerio de Xustiza e estará acompañado de representantes do Consello Xeral da Avogacía Española.

Fabián Valero, portavoz de Avogados Novos, estará acompañado de representantes do Consello Xeral da Avogacía Española

O pasado 5 de xaneiro de 2013, Fabián puxo en marcha a súa petición online na plataforma Change.org. "Dende a aprobación da nova Lei de Taxas Xudiciais, toda persoa que presente unha demanda nas ordes civil, social ou administrativo terá que pagar as taxas marcadas pola Lei perda ou gañe o contencioso. Conságrase así no noso país unha Xustiza para os ricos e outra para o resto dos cidadáns", explica no texto.

"A entrada en vigor desta lei supón, en primeiro lugar a creación dunha barreira económica de tal envergadura que millóns de cidadáns se verán privados do seu dereito de acceso á Xustiza, vulnerando con iso o dereito á tutela xudicial efectiva consagrado no artigo 24 da Constitución Española. A Lei de Taxas xera, ademais, graves desigualdades. A banca e as aseguradoras, grandes consumidores da Xustiza que utilizan esta con fins de lucro, son colocadas na mesma posición que o cidadán medio que usa a Xustiza contadas veces na súa vida para defender dereitos básicos e lexítimos. As taxas serán da mesma contía para unha gran corporación que para unha familia de clase media", engade Fabián na petición.

As taxas serán da mesma contía para unha gran corporación que para unha familia de clase media", engade Fabián na petición

O gabinete do destinatario da petición, Alberto Ruiz-Gallardón, recibe periodicamente un correo electrónico informando das novas firmas de apoio conseguidas. "Este é precisamente o obxectivo da plataforma Change.org", di Francisco Polo, Director de Change.org en España, "que calquera persoa, en calquera lugar, poida iniciar unha campaña polo cambio social".

Manifestación contra as taxas xudiciais en Ferrol Dominio Público @subiendoelpan

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.