Un 'Cabalo de Troia' de 8 metros alertará sobre o TTIP en Vigo e Ourense

O 'Cabalo de Troia' que pasará por cidades de todo o Estado, entre elas Vigo e Ourense CC-BY Greens-Efa

Dende que se comezaron a coñecer os primeiros detalles do contido do Tratado Transatlántico de Comercio e Investimentos (TTIP), os seus críticos apuntaron a imaxe de Cabalo de Troia para explicar os seus efectos: un acordo legal, aprobado polos Estados europeos, que na práctica servirá para baleiras de competencias estes mesmos Estados, cedéndolle ás grandes multinacionais o control da economía e dos servizos públicos. E, de feito, o Cabalo de Troia estivo presente, como argumento, como imaxe e mesmo como artefacto en moitas das recentes mobilizacións contra o acordo convocadas en toda Europa.

Amigos da Terra, xunto con outras organizacións sociais opostas ao TTIP, denuncia que o Tratado "é un cabalo de Troia que ameazará, entre outras cousas, a nosa seguridade alimentaria e o noso medio ambiente” e, neste senso, comezou a empregar nas súas mobilizacións un vistoso cabalo de oito metros, inchable, que leva meses percorrendo cidades e vilas de todo o continente, en máis de dez países

O cabalo, chegará a España este mes de xuño, pasando por unha ducia de cidades e vilas, nunha campaña que comezará este 2 de xuño en Madrid, e que pasará por Fuenlabrada, Colmenar Viejo, Cerceda, Zaragoza, Logroño, Reus, Barcelona ou Mallorca, con dúas paradas en Galicia:  Vigo (9 de xuño) e Ourense (10 de xuño). 

Precisamente, o 9 e 10 de xuño, os días nos que terán lugar as accións contra o TTIP en Vigo e Ourense está previsto que o Parlamento Europeo debata e vote (o día 10) unha serie de resolucións sobre o tratado. Este xoves na comisión de Comercio Internacional do europarlamento socialistas, conservadores e liberais uniron os seus votos para aprobar o polémico tribunal de arbitraxe privada (chamado ISDS), un dos elementos máis criticados do tratado, pois permitiralles ás multinacionais denunciar os Estados cando as súas regulacións as prexudiquen.

Este tipo de tribunais de arbitraxe son cada cez máis comúns nos acordos de liberalización comercial, sobre todo a partir da súa inclusión no NAFTA asinado por EE.UU, Canadá e México. Son un mecanismo totalmente opaco (unha das partes pode pedir que non haxa comunicación pública), sen control cidadán, e totalmente unidireccional, pois as multinacionais poden demandar un Goberno se considera que unha decisión prexudica os seus posibles beneficios presentes ou futuros, pero os gobernos non podenactuar contra as empresas aínda que estas incumprisen a lexislación. 

Socialistas, conservadores e liberais uniron os seus votos para aprobar o polémico tribunal de arbitraxe privada

"O TTIP é o cabalo de Troia das multinacionais porque lles dará un poder por riba da cidadanía e as súas institucións democráticas, poderán influír nos procesos lexislativos europeos e nacionais e atacar os Estados ante un tribunal privado en detrimento da xustiza pública existente", denuncia a este respecto o portavoz de Equo no Parlamento Europeo, Florent Marsellesi. Marsellesi lembra que a aprobación do ISDS foi posible grazas aos votos dos europarlamentarios do Partido Socialista, que aceptaron unha versión rebaixada deste tribunal de arbitraxe privada que ata onte, en principio, rexeitaban.

As forzas opositoras ao TTIP subliñan que "isto non rematou" e que a resolución aprobrada pola Comisión de Comercio Internacional debe pasar aínda o 10 de xuño polo pleno do Parlamento

Con todo, as forzas opositoras ao TTIP subliñan que "isto non rematou" e que a resolución aprobrada pola Comisión de Comercio Internacional debe pasar aínda o 10 de xuño polo pleno do Parlamento. Fan, neste senso, un chamamento a erguer nas vindeiras dúas semanas unha forte "presión social e cidadá" sobre "os grupos políticos que poñen os intereses das multinacionais por riba dos da cidadanía" e en particular sobre o PSOE "que terá que dicir dunha vez por todas de que lado está: ao lado do beneficio económico ou do ben común".

O 'Cabalo de Troia' que pasará por cidades de todo o Estado, entre elas Vigo e Ourense CC-BY Greens-Efa
Outro 'cabalo', nunha manifestación contra o tratado celebrada en Austria © AP

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.