Un colectivo cidadán "perseguirá" os imputados por corrupción por toda Compostela

Dominio Público Praza Pública

Santiago de Corruptela. Ese é o nome dun colectivo cidadán que vén de anunciar que vai "perseguir" os imputados en casos de corrupción do Concello de Compostela. Foi a decisión tomada por este grupo, logo de que comprobasen o efecto que provocou no rexedor da cidade e noutros concelleiros cando o pasado 24 de abril varios membros acudiron ao pleno da corporación municipal con camisetas amarelas con deseños de Pokémon. "O nerviosismo enchía a cara do alcalde Ángel Curras", lembra na súa web este colectivo que ve "lóxica" a reacción de varios concelleiros "dado que imensa maioría deles e delas están baixo imputación xudicial por corruptelas varias". "Tiñan a sensación de que a sociedade estaba anestesiada e que, de tan frecuentes, as corruptelas xa eran consideradas normais", aseguran na súa páxina web.

"A dignidade vestida de amarelo vai perseguilos alí onde vaian", advirte o colectivo Santiago de Corruptela

Por iso, este colectivo -que se autodenomina como "grupo autocorrupción"- advirte que desde xa "a dignidade vestida de amarelo vai perseguilos alí onde vaian". Ademais, recordan que son un "grupo cidadán aberto" que non só procura a dimisión das persoas imputadas e procesadas por corrupción que "degradan" o Concello de Compostela, senón que elaborará "unha serie de medidas pola transparencia e contra a corrupción que deberían ser adoptadas polo resto de partidos políticos, se é que nos queren convencer que son entidades limpas". "Xa veremos se están á altura", din.

Do mesmo xeito, santiagodecorruptela.info chama aos cidadáns composteláns a pegar nas súas fiestras carteis amarelos coa imaxe de Pikahu co obxectivo de demostrar ao Consistorio que a sociedade "non é cómplice da súa impunidade". Na web, inclúese tamén unha completa cronoloxía sobre os diversos casos de corrupción xurdidos en Santiago de Compostela nos últimos meses.

Activistas con camisetas de Pikachu no pleno de Compostela © santiagodecorruptela.info

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.