Un cómic ponlles nome ás persoas que morren no Mediterráneo tentando chegar a Europa

Presentación do cómic en Acampa Coruña, este venres © Javier Gallego

Este venres presentouse na Coruña, no marco da celebración de Acampa, o cómic Como si nunca hubieran sido (Reservoir Books), a partir de textos do xornalista Javier Gallego (director de Carne Cruda) e con ilustracións de Juan Gallego, constituíndo "un longo poema ilustrado sobre a traxedia de quen morren no mar tentando chegar a Europa".

Nas últimas dúas décadas máis de 35.000 persoas morreron no Mediterráneo; de moitas delas nin sequera se soubo nunca o nome. O título da obra, que fai referencia a esa deshumanización, parte dun titular de prensa aparecido en 2015 e que dicía "Poderían ter morto 900 persoas onte no Mediterráneo". Nin sequera a súa morte era segura. 

O libro constitúe ademais un proxecto solidario, pois os seus autores e a editorial doarán a Médicos Sen Fronteiras 3 euros por cada exemplar vendido.

Portada de 'Como si nunca hubieran sido' © Reservoir Books

Este xoves, ademais, coincidindo coa primeira xornada de Acampa, que nesta edición xira especialmente ao redor do drama das mulleres refuxiadas, gravouse en directo nos Xardíns de Méndez Núñez un programa especial de Carne Cruda, dedicado por enteiro a migracións, refuxio e Dereitos Humanos.

A continuación, Céline Bardet, xurista experta en crimes de guerra, e mais a responsable da área de campañas de concienciación de Amnistía Internacional España, Maribel Tellado, protagonizaron un encontro sobre “Feminicidio, un crime global”, presentado pola xornalista e escritora Lula Gómez.

Así mesmo, este xoves tamén se abriros ao público sete exposicións fotográficas compostas polas obras de recoñecidos e recoñecidas fotoxornalistas que documentan a realidade que viven millóns de persoas desprazadas, fundamentalmente mulleres, en distintas partes do mundo. Natalia Sancha, Judith Prat, Santi Palacios, Olmo Calvo, Mónica González, Lorena Ros e Anna Surinyach asinan as sete mostras, distribuídas entre o Kiosco Alfonso, a Sala de Exposicións Salvador de Madariaga e na propia rúa (zona Obelisco).

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.