Un espazo para pensar o rural dende o feminismo e os saberes comúns

O programa de estudos procura a unión entre os tres ámbitos Dominio Público Praza Pública

Unha intersección. Atoparse para xerar coñecemento. Instituír prácticas e autoxestionar un proceso. Nas vindeiras semanas botará a andar o Programa de Estudos en man común Ruralidades, Feminismos e Comúns, unha iniciativa que busca converterse nun "espazo novo de intercambio e produción de coñecementos" no que os seus participantes -investigadoras, activistas, colectivos artísticos, entidades sociais, institucións- colaboren na "construción de novas narrativas" ao redor de tres eixos: comúns, ruralidades e feminismos.

O programa está coordinado polo grupo de investigación da USC Histagra, o colectivo Montenoso e a rede de grupos de investigación Revolta, que estudan os problemas e as oportunidades de futuro do mundo rural. Así mesmo, conta co financiamento da USC e mais da Fundación Carasso, unha institución franco-española que lanzou unha convocatoria artística para compoñer os saberes contemporáneos, buscando a interacción entre ciencia, arte e sociedade. Así mesmo, colaboran o Concello de Allariz, o MARCO, MediaLab Prado, o espazo autoxestionado A Casa Colorida e as comunidades de montes de Carballo e Vincios.

Desenvolveranse seminarios, mesas redondas, cartografías críticas, sociogramas colaborativos, mapas conceptuais, roteiros temáticos e outras actividades teóricas ou prácticas

Unha das peculiaridades da iniciativa, que terá un funcionamento a cabalo entre a actividade dun grupo de investigación e un máster (aínda que sen certificación oficial), é que serán os seus e as súas propias participantes as que definan e dirixan, seguindo o modelo de autoxestión das comunidades de montes, destaca un dos seus impulsores, Francisco Quiroga. Ata o vindeiro 13 de maio está aberto o prazo para presentar solicitudes para encher as 20 prazas dispoñibles; a participación é gratuíta. Búscanse persoas que queiran formar parte desta comunidade activa de investigación-acción, e que -en común- definan as sesións teóricas e as actividades que se levarán a cabo ao longo dun ano, principalmente en Galicia (Santiago, Vigo, Allariz, Vincios...) e tamén en Madrid. Séguese o exemplo dos programas de estudos independentes levados a cabo polo MACBA ou do Reina Sofía, habilitando espazos críticos de pensamento, fóra das universidades. A diferenza é que mentres que nestes programas as decisións eran adaptadas de forma curatorial (por exemplo, no MACBA por Beatriz Preciado) aquí óptase pola autoxestión.

No marco do programa de estudos desenvolveranse seminarios, mesas redondas, cartografías críticas, sociogramas colaborativos, mapas conceptuais, roteiros temáticos e outras actividades teóricas ou prácticas. Por exemplo, e como evento previo, o vindeiro 18 de maio ofrecerá unha palestra na Zona C de Compostela o profesor do Departamento de Estudos Étnicos da Universidad Berkeley Ramón Grosfoguel, que falará da teoría decolonial.

A esta interconexción rural-comúns-novas tecnoloxías engádese tamén a perspectiva dos feminismos "a través dos cales aprendemos estratexias de re(existencia), recuperamos e vindicamos a micropolítica coma un pé fundamental no engrenaxe dos comúns"

O programa afonda no traballo que nos últimos anos veu realizando Montenoso, reivindicando a aprendizaxe recíproca, entre as prácticas comunais do rural galego exemplificadas na xestións dos seus montes veciñais, e as teorías e actividades que noutros ámbitos veñen reivindicando o procomún como modelo e método (dende o software libre ao creative commons). Destacan que os montes en man común vense ameazados polo "envellecemento da poboación e a falta de relevo xeneracional, as diferentes presións administrativas e a ausencia de mulleres en ámbitos de poder e decisión, así coma outros procesos de acumulación por desposesión, como poden ser os derivados da especulación urbanística ou o da industria mineira". "Ante isto, é preciso crear novas estruturas, dispositivos e ferramentas a través das cales xerar novas lecturas que axuden a dar pulo a estes comúns, por seren estes espazos de socialización que rachan co binomio público-privado tal coma o coñecemos", engaden.

A esta interconexción rural-comúns-novas tecnoloxías engádese tamén a perspectiva dos feminismos "a través dos cales aprendemos estratexias de re(existencia), recuperamos e vindicamos a micropolítica, e vindicamos os afectos e coidados, coma un pé fundamental no engrenaxe dos comúns". "O rural está cheo de conflitos, e un dos conflitos é esa invisibilización da muller no rural", sinala Quiroga que sinala que é precisa unha "teorización potente do feminismo no rural".

 

O programa de estudos procura a unión entre os tres ámbitos Dominio Público Praza Pública
Presentación no MARCO de Vigo, hai dúas semana Dominio Público Praza Pública

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.