Un fallo técnico puxo en risco o Alvia entre Galicia e Madrid en Puebla de Sanabria

Estación de Puebla de Sanabria CC-BY-SA Josmi

Un fallo técnico estivo a piques de provocar un accidente o pasado sábado no Alvia que une Madrid e Ferrol ao seu paso pola localidade zamorana de Puebla de Sanabria. Non estaba previsto que o tren, que partira de Chamartín ás 9.15, se detivese nesta estación, polo que a súa velocidade roldaba os 90 quilómetros por hora. Porén, o semáforo (cambio nº 17) desviou inesperadamente o convoi cara a unha vía secundaria, na que a velocidade máxima permitida é de tan só 30 quilómetros por hora. Afortunadamente, o condutor foi quen de frear o vehículo e de evitar un descarrilamento, de xeito que o suceso se saldou sen feridos de ningunha consideración.

O tren proseguiu a súa marcha case de inmediato, pouco despois das 12. No seu informe, ADIF sinala que despois de realizar as oportunas comprobacións, atopou que o cambio nº 17 estaba orientado en posición invertida, a pesar de que no videográfico aparecía orientado en posición normal. Engade que procedeu a solucionar esta avaría.

A situación vivida o pasado sábado en Puebla de Sanabria tivo semellanzas coa vivida hai meses no accidente do Porriño, no que morreron catro persoas. O 9 de setembro de 2016 o tren Vigo-Porto descarrilou cando circulaba a 118 quilómetros por hora por unha vía secundaria (por mor dunhas obras na estación) que o convoi tiña que tomar a un máximo de 30 quilómetros por hora. Desta volta, o bo facer do maquinista conseguiu que este suceso ficase apenas nun susto.

 

Estación de Puebla de Sanabria CC-BY-SA Josmi
Informe da incidencia no seu momento na web interna de Adif © Adif

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.