Un grupo de xuristas galegos publica un escrito sobre o caso Bolinaga

Cárcere CC-BY-NC-SA como_un_pez_en_el_agua

O texto, asinado por Fernando Blanco, Yolanda Ferreiro, Fernando Martínez Randulfe, Nemésio Barxa, Elvira Landin ou José Ángel Brandariz e aberto a adhesións, demándalles a Gallardón ou Aguirre "respecto as regras do xogo e ao imperio da lei" e que se manteña "a dignidade da persoa e o principio de humanidade das penas"

 

Imperio da lei e oportunismo político

A Sección Primeira da Sala do Penal da Audiencia Nacional resolveu o 12 de setembro o recurso de apelación interposto polo Ministerio Fiscal contra o auto do xulgado central de vixilancia penitenciaria que concedía a liberdade condicional por doenza grave e incurábel ao preso Josu Uribetxebarria. A resolución da Sala puxo fin ao longo proceso que acompañou a tramitación deste expediente de liberdade condicional.

Mais, nós, traballadores e traballadoras no mundo de Dereito, queremos salientar o desprezo ao imperio de lei amosado por alguns responsábeis políticos nas súas declaracións e alargar o foco dende o caso de Josu Uribetxebarria ao de tantos presos e presas con doenzas graves que están nas cadeas e que, de prevaleceren algúns dos postulados retribucionistas e vindicativos escoitados nestes meses, verán comprometida a obtención deste dereito.

Como requisito para sua concesión, este instituto só esixe a concurrencia de unha doenza moi grave con padecementos incurábeis e, segundo a xurisprudencia, tal estado non e asimilábel a unha situación pre-agónica

Do punto de vista técnico–xurídico compre lembrar  que a liberdade condicional para doentes graves é un instituto que se regula no artigo 92 do Código Penal e no artigo 196 do Regulamento Penitenciario. O Tribunal Constitucional, os xuíces de vixilancia penitenciaria e as audiencias provinciais definiron esta figura legal como unha norma de contido humanitario relacionado cos principios de humanidade das penas e dignidade e o dereito á vida e integridade física, principio que a Constitución española consagra nos artigos 10 e 15. Como requisito para sua concesión, este instituto só esixe a concurrencia de unha doenza moi grave con padecementos incurábeis e, segundo a xurisprudencia, tal estado non e asimilábel a unha situación pre-agónica. Esta mesma xurisprudencia sinala que doenza grave é aquela que compromete severamente a saúde e, polo común mais non sempre, pon en risco a vida do doente. Por padecementos incurábeis deben entenderse aqueles para os que o coñecemento científico carece de remedio ou solución definitivos, ainda que poda paliar o dano ou retrasar a evolución da doenza.

Esta mesma xurisprudencia interpretativa desvincula a concesión de excarceración dunha morte cercana no tempo (de feito a liberdade foi concedida a presos cunha expectativa vital de cinco anos, como no caso do Garda Civil Rodriguez Galindo, condenado polo asesinato de Lasa e Zabala, excarcerado en 2004 e ainda con vida cinco anos mais tarde). A norma tampouco esixe a total eliminación da funcionalidade delitiva, senón simplesmente a sua diminución. Consecuentemente, a liberdade en aplicación desta norma ten sido concedida por patoloxías (por exemplo a cegueira) desvinculadas dun prognóstico fatal.

O “caso Uribetxebarria” , ten unha primeira vertente individual que acaba de resolver a Audiencia Nacional: coa nosa lexislación, non cabe manter en prisión até a morte unha persoa cunha expectativa vital de meses. O contrario seria inhumano. Se queremos ter penas de prisión inhumanas, mudemos a lei e optemos pola pura vindicación. Mais non alardeemos despois de defensores dun estado de dereito.

Son centenares as persoas que agonizan entre os muros da prisión ou son excarceradas, xa inconscientes, apenas uns días antes da morte para faleceren nas unidades hospitalarias, co propósito de reducir, non o sofrimento, senón a taxa de mortandade penitenciaria

E ten unha segunda vertente de alcance xeral que, como xuristas, nos causa desasosego. Esta segunda vertente di respecto ás numerosas declaracións públicas de responsábeis políticos inspiradas nun nidio populismo punitivo. Asi, o Ministro de Xustiza, perdendo unha boa ocasión de optar polo silencio que lle sería esixibel en razón do seu cargo, afirmou que pode ser defendíbel a concesión do terceiro grao mais non a da liberdade condicional, asumindo a tese, aplicada pola Institución Penitenciaria durante décadas, que levou a converter as seccións abertas das cadeas do Reino de España en unidades penitenciarias onde se amorean doentes de SIDA, neumonía, hepatite e outros padecementos graves pola demora na concesión da liberdade condicional.

Son centenares as persoas que agonizan entre os muros da prisión ou son excarceradas, xa inconscientes, apenas uns días antes da morte para faleceren nas unidades hospitalarias, co propósito de reducir, non o sofrimento, senón a taxa de mortandade penitenciaria. Tal foi a solución postulada polo Sr. Ruiz Gallardón para Iosu Uribetxeberria e, con el, para os centos de doentes que hai nas prisións do Reino.

Tampouco a inefábel Presidenta de Madrid tivo reparos en declarar que, ainda que o legal era conceder o terceiro grao ao Sr. Uribetxebarria, ela non o tería feito, recoñecendo sen vergoña que non dubidaría en prevaricar.

Como traballadores e traballadoras do dereito, demandamos dos responsábeis políticos, respecto as regras do xogo e ao imperio da lei. Deploramos os excesos retributivos do Sr. Ruiz Gallardón e os obscuros desexos prevaricadores da Sra. Aguirre.

Deploramos os excesos retributivos do Sr. Ruiz Gallardón e os obscuros desexos prevaricadores da Sra. Aguirre

Como xuristas que coñecemos a situación das cadeas do Reino de España, ollamos o futuro a partir do caso Uribetxebarria con inquedanza. Tememos que a manifestación de baixas paixóns, desexos retributivos e vindicativos que agromaron neste caso, combinados con o escaso respecto das nosas normas que amosaron alguns representantes do poder político, determinen restricións na concesión da liberdade condicional por doenza grave para as persoas presas nas cadeas do Reino de España.

Demandamos que, encanto exista a pena privativa de liberdade, esta manteña como límite do seu cumprimento, a dignidade da persoa e o principio de humanidade das penas.

 

1. Fernando Blanco Arce (avogado) 2. Yolanda Ferreiro Novo (avogada) 3. Guillerme Presa Suárez (avogado) 4. Fernando Martínez Randulfe (avogado) 5. Nemésio Barxa (avogado) 6. Elvira Landin Aguirre (avogada) 7. Miguel Angel Fernandez (avogado) 8. Ana Lorenzo Conde (avogada) 9. Hector López de Castro (avogado) 10. Lois Ríos Paredes (avogado) 11. Alejandro Cortizas (avogado) 12. Pilar Guerrero (avogada) 13. Rosa Vila (avogada) 14. Maria Rosario Gonzalez Seoane (avogada) 15. Juan Rego González (avogado) 16. Javier de Cominges Cáceres (avogado) 17. Mónica Velasco Pérez (avogada) 18. Rosana Rodríguez Avalle (avogada) 19. Roberto Mera (avogado) 20. Celia Pereira (avogada) 21. Gustavo García Fernández (avogado) 22. Paola Bar Franco (avogada) 23. Sara Carou García (avogada) 24. José Manuel Losada Diéguez (avogado) 25. Pilar Zato Montenegro (avogada) 26. Helena Cardezo (avogada) 27. Cándido Soria (avogado) 28. Agustina Iglesias Skujl - (Investigadora UdC (Dereito Penal) 29. Xosé Ramón González Pereira - (Graduado social) 30. José Ángel Brandariz (Profesor de Dereito Penal - UDC)

 

Cárcere CC-BY-NC-SA como_un_pez_en_el_agua

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.