Unha balsa mineira empregada durante anos como vertedoiro irregular. Esa é a confirmación que acaba de facer a empresa disposta a reabrir a antiga mina de Touro ao responder a algunhas das alegacións presentadas contra o proxecto e aos informes sectoriais da Xunta.
Un informe da UDC achegado pola empresa a requirimento da Xunta confirma que a balsa de Vieiro foi vertedoiro irregular durante anos
O informe técnico redactado polo grupo de Enxeñaría de auga e medio ambiente da Universidade da Coruña, achegado pola empresa a requirimento de Augas de Galicia, confirma que a balsa mineira de Vieiro foi usada durante moito tempo como "vertedoiro en B", segundo desvela Adega. O documento (Caracterización Hidroquímica del Lago de Vieiro) vén certificar "o que toda a veciñanza de Touro xa sabía", segundo a asociación ecoloxista
O informe aclara que parte dos sedimentos depositados nesta balsa mineira son o resultado de verteduras de materiais (entre eles “áridos procedentes da planta de asfalto”) efectuadas pola empresa Explotaciones Gallegas SL, propietaria do 80% de Cobre San Rafael, impulsora do proxecto de reapertura da antiga mina de Touro, fortemente contestada tanto política como socialmente na comarca e en toda Galicia.
Explotaciones Gallegas, propietaria do 80% de Cobre San Rafael, verteu materiais que supoñen máis de 110.000 metros cúbicos
O documento da UDC desvela que a empresa mineira usou os terreos, e concretamente a corta mineira inundada de Vieiro, como vertedoiro. "Esta práctica debeuse desenvolver ao longo de varios anos, dende que a mina pechou en 1986, xa que a cantidade de materiais vertidos supón nada menos que 111.674 metros cúbicos", lembra Adega, que achega certificación documental sobre o desvelado.
Parte do informe onde se certifica a presenza de materiais de recheos e refugallos na balsa mineira de Vieiro
A asociación ecoloxista solicitou xa á Consellería de Medio Ambiente que achegue información sobre as eventuais autorizacións concedidas entre 1986, data da finalización da actividade mineira e a actualidade, á empresa Explotaciones Gallegas ou a calquera outra, para depositar materiais no fondo da corta inundada de Vieiro. "En caso afirmativo, solicitamos como parte interesada no procedemento, coñecer tamén as datas, tipo e cantidade de materiais, condicións de vertedura e demais aspectos relativos aos permisos concedidos polo departamento competente", di Adega, que chama a atención sobre esta "enésima irregularidade do proxecto mineiro de Touro".
"Non é posíbel que a Xunta, mediante unha autorización ambiental favorábel, branquee as presuntas irregularidades"
"Non é posíbel que a Xunta, mediante unha autorización ambiental favorábel, branquee as presuntas irregularidades que a empresa concesionaria realizou durante anos nos terreos da antiga mina de Touro", advirte Adega, que destaca que o informe alerta de diversas zonas con material de recheo depositados de restos de construción ou de áridos procedentes da planta de asfalto da mesma compañía, ademais de lodos. Todo xunto supera os 110.000 metros cúbicos nunha superficie de 5,3 hectáreas.