Un kilómetro, cen euros

Cartaz da maratón © FEGEREC

A Federación Galega de Enfermidades Raras e Crónicas (FEGEREC) organiza unha maratón na Coruña o vindeiro 15 de abril e puxo en marcha unha iniciativa de crowdfunding para recadar cen euros por cada un dos 42 kilómetros. Un total, queren obter 4.200 para mellorar a actividade asistencial ás persoas que sofren lupus, esclerose lateral amiotrófica, ataxia, fibrosis quística, linfedema, retinose pigmentaria, Arnold-Chiari e esclerose múltiple. Os mesmos 4.200 euros nos que, denuncian, se recortaron as subvencións públicas que recibían.

FEGEREC salienta que "o noso reto é conseguir 100 euros por cada kilómetro da maratón, porque se unha maratón é unha proba de sacrificio, esforzo e vontade, vivir cunha enfermidade rara e/ou crónica tamén". Os cartos que se recaden irán destinados a financiar os servizos de terapia ocupacional, fisioterapia ou atención psicolóxica que emprestan na Coruña, Cabana de Bergantiños, Narón, Lugo, Pontevedra e Vigo. 

FEGEREC quere recadar 4200 euros, a mesma cantidade na que, denuncian, se recortaron as subvencións públicas que recibían

Solicitan o apoio da cidadanía, tanto a nivel económico (a través destas microachegas, para as que non hai unha cantidade mínima, todas son ben recibidas), a difusión ou a propia participación no Maratón. As persoas que se queiran inscribir para correr, e deste xeito facer público o seu apoio á FEGEREC poden poñerse en contacto coa asociación en  fegerec@gmail.com

Cartaz da maratón © FEGEREC

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.