A Alianza Rural Galega, que forman Adega, CIG, Fruga e a Organización Galega de Comunidades de Montes en Mancomún, veñen de elaborar o Manifesto polo Aproveitamento Sustentábel dos Recusos Xeolóxicos e contra a Minaría Contaminante. Á espera de que se faga público nesta semana o seu contido completo, as organizacións que o subscriben agardan que poida "servir de base para a constitución dunha ampla plataforma social galega contra a minería contaminante", tal e como se acordou tras o encontro de expertos celebrado en Teo o pasado mes.
"É un documento para o debate e susceptíbel de ser subscrito, acrecentado e mellorado", din os autores
"É un documento para o debate e susceptíbel de ser subscrito, acrecentado e mellorado por parte das organizacións ecoloxistas, gremiais, políticas, plataformas veciñais e demais, sensibilizadas coa problemática da minaría", aseguran os autores, que se mostran no manifesto "a favor dun outro modelo máis respectuoso e xusto ambiental e socialmente" e en contra dos múltiples proxectos mineiros que ameazan Galicia.
A Alianza Rural busca "unha resposta global en clave galega á grave ameaza da minería contaminante"
Así, os autores do manifesto "convidan" a todas as organizacións e colectivos sociais, políticos, asociacións veciñais e plataformas de afectados "a participar neste proceso, debater as propostas e incorporar no seu eido de traballo estes acordos a xeito de mínimo común que permita dar unha resposta global en clave galega á grave ameaza que a minaría contaminante supón para o noso medio rural".
"Trátase de conquerirmos un amplo acordo social arredor dunhas condicións mínimas e irrenunciábeis para garantir un aproveitamento racional dos recursos mineiros, rexeitando determinadas práticas e establecendo os criterios para salvagardar o equilibrio dos ecosistemas, a conservación da biodiversidade e as características do noso medio físico e humano", resume a Alianza Rural Galega, que dediciu dar este paso "dadas as repercusións sobre o ambiente e o tecido social e produtivo do mundo rural galego" que poden xerar estas explotacións mineiras e ante a "crecente conflitividade social que estes proxectos están a provocar".
O manifesto será presentado o vindeiro mércores 13 na Coruña e o xoves 14 en Ourense.