Un mes cultural en Silleda para axudar ao pobo saharauí

Dominio Público Praza Pública

Solidariedade Galega co Pobo Saharauí organiza en Silleda a segunda edición do Mes Cultural de Axuda ao Pobo Saharauí. Co obxectivo de "poder difundir a xusta causa do pobo saharauí e poder recadar fondos para o Programa Vacacións en Paz", esta iniciativa mantén o propósito de que máis de 300  nenos e nenas dos campamentos de refuxiados poidan gozar dunhas "vacacións en pazo xunto coas familias de acollida galegas".

O Mes Cultural recada fondos para que máis de 300 nenos saharauís poidan gozar das súas vacacións en Galicia

Este mes solidario, cheo de actividades culturais, comeza este mesmo sábado coa actuación de Mofa e Befa na Casa da Cultura de Silleda a partir das 21.30 horas, unha actuación á que se pode acceder polo módico prezo de cinco euros. Xa o día 13 de abril, tocaralle a Cándido Pazó, que actuará no mesmo lugar a partir das 20 horas, mentres que o 16, serán Factoría de Subsistencia, Josito Porto e Sabela Dacal os que ofrecerán o seu espectáculo no bar Púkara. Tamén o 30 de abril, Isabel Risco deleitará os asistentes co seu monólogo.

Para todos os monólogos, a organización pon á venda un bono a doce euros. Ademais, o prato forte será o día 26, cando se celebre o Concerto por un Sáhara Libre. Presentado por Xurxo Souto, o auditorio Manuel Dopazo de Bandeira, tamén en Silleda, acollerá a actuación das Pandereteiras da Carballeira de Cercio, Linho do Cuco Ensemble e Leilía. As entradas anticipadas custan 8 euros, mentres que na billeteira o prezo será de dez euros.

Á marxe dos monólogos, o día 26 celébrase o Concerto por un Sáhara Libre

Os fondos recadados irán destinados ao programa Vacacións en Paz polo cal nenos e nenas dos campamentos de refuxiados saharauís veñen pasar os meses de verán con familias galegas de acollida e que lles permite alonxarse das altas temperaturas de ata 50º que se sofren no verán nos campamentos de refuxiados así como tamén lles permite facer revisións médicas e coñecer unha cultura diferente á súa.

Os bonos e as entradas pódense adquirir en diversos puntos de venda repartidos por Silleda Salón do Té, A Lareira de Cuiña, Cafetería Maripepa, Pudará, Moe's), A Bandeira (Arume), Lalín (Barriga Verde, Cantigas, O circo do Mundo, Suso Donramiro), Rodeiro (Quirós), Vila de Cruces (Café Bar Galicia) e Agolada (Bar Central).

Presentación do Mes Cultural en Silleda © Concello de Silleda

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.