Un milleiro de voces piden a saída de Ence e Elnosa da ría de Pontevedra

Cabeceira da manifestación © Galiza Nova

"Non ás prórrogas de Ence e Elnosa. Fóra da ría xa". Este lema destacaba na faixa que encabezaba a manifestación que na noitiña deste sábado percorreu as rúas de Pontevedra. E unha data clave: 2018, o momento no que, a priori, Ence debería abandonar o seu actual emprazamento no interior da ría de Pontevedra, en Lourizán. Pero unha data límite que nos últimos tempos empresa e Goberno comezan a poñer en dúbida, ante unha nova Lei de Costas que permitiría unha prórroga de 75 anos na concesión á pasteira.

Carlos Solla leu un comunicado no que se esixiu que estas dúas empresas contaminantes non reciban máis prórrogas para a súa permanencia en Lourizán

Na manifestación, que partiu da Praza da Ferreiría pouco antes das oito, participou un milleiro de persoas, que chegaron até a Praza da Peregrina, onde o escritor Carlos Solla leu un comunicado no que se esixiu que estas dúas empresas contaminantes non reciban máis prórrogas para a súa permanencia en Lourizán. Con ironía, Solla, falou do impacto provocado pola contaminación xerada por estas dúas empresas en varias xeracións de pontevedreses, "os nenos do mercurio", dixo. Antón Masa, da Asociación pola Defensa da Ría (APDR), sinalou que "por dignidade do pobo non se pode permitir que estas dúas empresas que nunca cumpriron a lexislación e que están a destruir postos de traballo en Pontevedra non poden seguir no seu actual emprazamento". O complexo industrial ENCE-ELNOSA representa en conxunto apenas o 0,5% do emprego da comarca de Pontevedra,

Masa afirmou hai unhas semanas que o acordo "marca a política ambiental na ría son directamente Ence e Elnosa, a cuxos intereses está vendido o Goberno galego". A reforma da Lei de Costas aprobada hai uns meses polo Partido Popular abre unha porta á posibilidade de que Ence poida obter unha prórroga de 75 anos. Esa é a vía na que a empresa está concentrando os seus esforzos, tentando conseguir que o Goberno central declare a súa actividade de interese xeral e prorrogue a súa concesión, unha concesión sobre a que a Xunta non tería poder de decisión. Esta manobra "impediría definitivamente a recuperación do dominio público e o saneamento e recuperación da nosa Ría para a explotación da pesca de baixura e o marisqueo", denuncia a Plataforma 2018.

"Unha prórroga de 75 anos a ENCE impediría definitivamente a recuperación da Ría, das nosas praias, da calidade de vida e da economía da comarca"

A propia Asociación Pola Defensa da Ría puxo en marcha hai meses, no momento en que o PP aprobou a reforma da Lei de Costas, unha petición en change.org para que o Goberno non prorrogue a presenza do complexo pasteiro e químico neste lugar porque "unha prórroga de 75 anos a ENCE impediría definitivamente a recuperación da Ría, das nosas praias, da calidade de vida e da economía da comarca, que ten que vir da man da explotación racional dos recursos naturais e do turismo, unha economía sustentábel no tempo e incompatíbel coa presenza do complexo ENCE-ELNOSA na Ría". 

Cabeceira da manifestación © Galiza Nova

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.