Un nadal de folga para os traballadores do Hostal

Mobilización dos traballadores diante do Hostal CC-BY-SA Praza Pública

As datas do nadal van ser de folga e mobilización no Hostal dos Reis Católicos, no marco das protestas que os traballadores dos distintos centros de Paradores levan a cabo contra o Expediente de Regulación de Emprego proposto para a empresa. Deste xeito, no centro compostelán haberá folga este día 24 de decembro e tamén o 25 e 31 e o 1 de xaneiro. E polo momento as centrais sindicais con representación (CUT con 6 delegados e CIG, CC.OO. e UGT con un cada un) cifran a participación no paro no 75% dos traballadores. O ERE tería como resultado que 19 dos traballadores do Hostal perderían o seu emprego.

O motivo desta mobilización é o ERE presentado pola Dirección Central de Paradores e que tamén afectará ao Hostal a pesar de, como lembran os sindicatos, ter dado "reiterados beneficios" nos últimos anos. Ademais, os traballadores composteláns denuncian o propio proceso negociador levado a cabo  polo Comité Intercentros. O centro de traballo compostelán, con Comité de Empresa propio e Convenio de Centro, “négase meridianamente a que se ampute a representación compostelá e acusa á empresa de tentar usurparlle a súa voz”.

Critican a negativa dos responsables do Hostal a negociar con eles e anuncian o mantemento da folga nas datas anunciadas -de especial importancia e grande importancia para o centro- e a realización doutras accións noutras datas. Por exemplo, o vindeiro sábado 29, cando está previsto que o Hostal acolla unha importante voda, os traballadores e traballadoras levarán a cabo unha protesta moi visible.

Ademais destas protestas, os traballadores presentaron unha denuncia colectiva diante do Dirección Xeral de Inspección Laboral que esperan que "ampare a interpretación deste Comité" en canto á súa representatividade. Deste xeito, a negociación do ERE teria que ter en conta a visión do Comité de Empresa do Hostal.

Mobilización dos traballadores diante do Hostal CC-BY-SA Praza Pública
Mobilización dos traballadores diante do Hostal CC-BY-SA Praza Pública

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.