Un paciente do Hospital da Costa presenta unha denuncia no xulgado tras agardar dous anos por unha proba

Concentración ante o hospital da Costa, en Burela Dominio Público CIG Saúde A Mariña

Un usuario do Hospital da Costa vén de presenta unha denuncia no xulgado de Mondoñedo tras agardar dous anos por unha proba de esforzo. O mes pasado o paciente presentou unha reclamación no centro sanitario mais sinala que non lle fixeron caso, polo que decidiu acudir aos tribunais.

O paciente explica que ten colocado un stent na arteria coronaria dereita desde o ano 2006 e precisa ser controlado con probas de esforzo. A última vez que fixo unha foi en xullo de 2015. Como estes controis deben ser anuais, sinala, tocaríalle a seguinte en xullo do ano 2016, mais case dous anos despois segue sen ser chamado e sen recibir explicación ningunha por parte do SERGAS, denuncia. Acudiu a Atención ao Paciente en varias ocasións pero afirma que lle fixeron "caso omiso". Nese momento decidiu contactar coa Plataforma Sanitaria da Mariña, que lle axudou a redactar unha reclamación rexistrada o día 19 de abril de 2018 no centro hospitalario. "Pasado case un mes desde a súa presentación, o paciente segue relegado ao esquecemento por parte da Xerencia", denuncia a Plataforma. 

A Plataforma pídelle á Xerencia do Hospital e ao Sergas "que se deixen de propaganda autocompracente e que se poñan a traballar nunha xestión en función das necesidades da poboación sen primar criterios economicistas"

Destaca, ademais, que o pasado mes de abril acudiu á farmacia a retirar a medicación que toma desde o ano 2006 e alí descubriu "que me modificaran a dose dun deles sen previo aviso e sen que ninguén me informara de nada nin fora visto por médico ningún". "Cando lle preguntei á miña médica de familia, gran profesional e con gran interese polos seus pacientes, díxome que ela recibira ordes escritas de tal cambio", comenta. O paciente acusa “á Xerencia do Sergas e á Xunta de Galicia de desprezo aos pacientes". "Parece que o servizo de Saúde Pública está en mans de políticos manipuladores da nosa saúde polo simple feito, segundo se lles oe dicir, de aforrar cartos”, afirma na súa denuncia xudicial, presentada o pasado 11 de maio.

A Plataforma Sanitaria da Mariña pídelle á Xerencia do Hospital da Costa e ao Sergas "que se deixen xa de propaganda ambigua e autocompracente e que se poñan a traballar de verdade nunha xestión en función das necesidades da poboación sen primar criterios economicistas". "Todo ten un límite e a paciencia de pacientes e profesionais esta a punto de esgotarse, e cando isto ocorre nunca se sabe por onde pode estoupar a indignación veciñal”, conclúe a Plataforma.

 

O paciente, que presentou unha denuncia no xulgado de Mondoñedo, critica que a súa reclamación no Hospital da Costa non foi atendida © Plataforma Sanitaria A Mariña

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.