Un 'pícnic' reivindicativo en Compostela contra as obras de Galeras

'Pícnic' reivindicativo en Galeras CC-BY-NC-SA Merixo

Un pícnic reivindicativo polo parque con comida e xogos para nenos. Varias ducias de veciños composteláns xuntáronse este mediodía no barrio de Galeras nunha nova mobilización contra o proxecto do Concello de Santiago de reducir a extensión dun parque público na zona para construír un novo acceso a un aparcadoiro privado e unha rotonda.

A orixe do proxecto está nun convenio asinado o 22 de maio de 2013 polo alcalde compostelán, Ángel Currás, e por José Luis Liñares, representante legal da empresa Tugalu, propietaria do aparcadoiro La Catedral. Neste convenio o Concello "permite a construción" dun novo acceso ao aparcadoiro", que "ocupará parte do espazo público", e a empresa asume a construción da rotonda.

O caso é que esta mesma semana o Concello paralizou temporalmente as obras de Galeras, unha suspensión puntual da execución do proxecto ao que a administración local non ten previsto renunciar malia as protestas da veciñanza. Con varios días de inactividade no proxecto, a causa finalmente debíase a que parte da actuación, concretamente a privada, precisa dunha licenza ou autorización que aínda non ten. Raxoi pretende separar esta parte privada do proxecto público.

A concelleira de Urbanismo, María Pardo, aclaraba que a parte pública da obra non precisa de licenza, algo que si é necesario no caso da privada. A asociación veciñal Aqualume asegura que as obras "son innecesarias" e ademais ocupan espazo público e poden provocar danos nos edificios da zona ao proxectar a construción dun novo túnel subterráneo para o acceso ao aparcamento."Se os informes técnicos din que é necesaria unha rotonda, a veciñanza non ten ningún problema", pero destaca que "o máis grave é a apropiación indebida dun espazo público, dun parque polo que loitamos moito tempo". A veciñanza denuncia tamén o malgasto de cartos públicos que supón esta obra, cando toda a rúa Galeras foi sometida a unha profunda reforma hai só catro anos, e unha parte daquelas actuacións serían modificadas ou destruídas.

'Pícnic' reivindicativo en Galeras CC-BY-NC-SA Merixo

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.