Un sindicalista da CIG recibe unha multa por "arroxar unha pota ao chan"

Rexistro policial © CIG

Renato Núñez, membro da Executiva Confederal da CIG, vén de recibir unha notificación de sanción de 200 euros por "arroxar á vía unha pota de cociñar de considerables dimensións". Os feitos que deron orixe a esta multa tiveron lugar hai unhas semanas nas proximidades do Hospital Clínico de Santiago, onde o sindicalista acudira a unha xuntanza.

Ao regresar ao seu vehículo atopou tres axentes da Policía Nacional que o ameazaron con imporlle unha sación de tráfico e que insistiron en comprobar a ITV e o seguro do coche, "a pesar de carecer de competencias nesta materia", sinala. Núñez engade que "resulta rechamante que a única persoa á que se dirixiran fora ao representante da CIG cando nos arredores do hospital había ducias de vehículos en dobre fila e mesmo estacionados enriba das beirarrúas".

Os axentes esixíronlle que abrise o maleteiro do coche, onde había distintos obxectos, entre eles varios xoguetes -da filla de Núñez- e unha pota de cociñar. Seguindo as indicacións, o sindicalista colocou os xoguetes enriba do vehículo e pousou a ola na vía, a carón do coche, volvendo despois a introducir todos os elementos no maleteiro. Os policías rexistraron mesmo a documentación interna da CIG que Renato Núñez levaba, a pesar de non ter orde de rexistro ningunha para facelo.

Renato Núñez presentou ese mesmo día unha denuncia contra unha actuación policial que entendía como "abusiva". Agora, despois de recibir a notificación de sanción por 200 euros, vai ampliar a reclamación "por denuncia falsa"

A CIG entende que o abuso sufrido por este compañeiro "non é casual, senón que se trata dunha persecución contra a súa persoa e o sindicato que representa" e salienta que os axentes "mantiveron en todo momento unha actitude soberbia e de prepotencia". Núñez recibiu varias sancións nos últimos anos. Por exemplo, en 2015 foi condenado a pagar 1.700 euros como consecuencia da súa participación nas protestas na toma de posesión de Agustín Hernández como alcalde de Santiago. E en 2011 a CIG denunciou que o Concello de Santiago "falseou unha multa" para sancionar o seu coche durante unha manifestación.

 

Rexistro policial © CIG

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.