Un terzo da mocidade tolera o control na parella e culpabiliza as vítimas de violencia machista

Mobilización da Marcha Mundial das Mulleres en Ferrol CC-BY-SA Marcha Mundial das Mulleres

Os ciumes son unha expresión de amor, as parellas deben comportarse como unha soa persoa, é bo que o home sexa un chisco superior á muller, "se alguén che pega, pégalle ti"... Un recente estudo elaborado pola Universidade Complutense de Madrid a instancias da Delegación do Goberno central para a Violencia de Xénero amosaba como moitas destas mensaxes aínda forman parte da educación da infancia e da adolescencia, ata o punto de escoitalas con relativa asiduidade nas súas contornas familiares. Son mensaxes que actúan como xermolo perfecto para a pervivencia do machismo e a súa expresión máis dura, a violencia, agresións non necesariamente físicas que nalgunhas das súas manifestacións aínda son toleradas por arredor dun terzo da xente nova, isto é, pola poboación de entre 16 e 29 anos.

Na senda do inquérito elaborado polo CIS durante 2012 que reflectía a tolerancia con determinadas actitudes ligadas á violencia machista no conxunto da poboación do Estado, a socióloga Verónica de Miguel, da Universidade de Málaga, vén de debullar estes datos por encarga da delegación gobernamental para analizar canta desta tolerancia agroma tamén entre a mocidade. E os resultados amosan ás claras que o rexeitamento non é aínda total, especialmente nas formas de violencia machista que non implican golpes.

Así, nunha ollada xeral, o rexeitamento xenérico á violencia de xénero é practicamente total, toda vez que o 96% das mozas e o 92% dos mozos aseguran considerala "totalmente inaceptable". Pero, resalta o estudo, "non todas as formas de violencia de xénero suscitan o mesmo rexeitamento nin todos os comportamentos que constitúen maltrato son identificados como tales". Deste xeito, dentro da mocidade e adolescencia que di non tolerar a violencia existe practicamente un terzo que "considera inevitable ou aceptable nalgunhas circunstancias" a posibilidade de "controlar os horarios da parella", "impedirlle á parella que vexa á familia ou ás amizades", "non permitir que a parella traballe ou estude" ou "dicirlle as cousas que pode ou non pode facer".

Entre a mocidade persiste a aceptación de actitudes como o control de horarios, o impedimento de ver a familia e as amizades ou a prohibición de traballar

Esta porcentaxe de tolerancia é aínda maior á hora de preguntar polas discusións ou os berros. Para o 45% da mocidade que di non tolerar a violencia resultan aceptables as liortas constantes no seo da parella ou berrarlles aos fillos e fillas. Nesta liña, aos datos para a preocupación súmase o feito de que entre "os e as adolescentes de entre 15 e 17 anos" haxa "unha lixeira maior tolerancia que entre o resto da mocidade á violencia verbal". Así, mentres que 7 de cada 10 persoas de entre 18 e 29 anos a aceptan, a cifra sobe ata o 10% entre a poboación de 15, 16 e 17 anos. Ademais, ata o 34% dos mozos din tolerar a violencia de control na parella, mentres que se o campo de estudo son os homes de todas as idades a aceptación baixa ao 30%. "Aínda que as diferenzas son pequenas, os mozos de 15 a 29 anos son máis tolerantes que o conxunto da poboación coa violencia de control", conclúe o estudo.

A persistencia da culpabilización

A xente nova "tende a exculpar o agresor e culpabilizar a vítima en maior medida que a poboación adulta"

As xeracións máis mozas aínda traen consigo unha certa tolerancia á violencia machista e, ao mesmo tempo, tamén perviven nelas as actitudes que tenden a culpabilizar as vítimas e non os agresores. Así, segundo o estudo, entre a mocidade existe "algo máis de acordo que no conxunto da poboación" sobre algúns dos estereotipos que sitúan na muller a responsabilidade de ser maltratada. Así, o 39% dos mozos e o 35% das mozas están "moi ou bastante de acordo" con que "se as mulleres sofren maltrato é porque o consenten". As cifras baixan un chisco entre o conxunto da poboación, onde o grao de acordo é de tres puntos menos entre os homes e dous menos entre as mulleres. Unha proporción semellante da xente nova, o 40%, é a que "tende a exculpar o agresor" ao considerar que "adoitan ter algunha enfermidade mental".

Neste contexto, o inquérito alerta da conclusión de que a xente nova "tende a exculpar o agresor e a culpabilizar a vítima en maior medida que a poboación adulta", se ben "as diferenzas non son elevadas". No entanto, resalta tamén, "máis de un de cada dous mozos rexeitan estes dous estereotipos", concretamente, o 52% dos homes e o 57% das mulleres de entre 15 e 29 anos.

Acción contra a violencia machista en Ourense CC-BY-SA Marcha Mundial das Mulleres

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.