Un terzo da poboación culpa as mulleres que sofren violencia machista

Acción contra a violencia machista en Ourense CC-BY-SA Marcha Mundial das Mulleres

Un inxente traballo por facer. Décadas de loita feminista, de campañas concienciación e de mensaxes públicas ao respecto non conseguiron aínda, nin de lonxe, gañarlle a batalla ao machismo e á súa materialización máis evidente, a violencia de xénero nas súas múltiples expresións. O Centro de Investigacións Sociolóxicas vén de publicar, por encarga da Delegación do Goberno de España para a Violencia de Xénero, un amplo estudo sobre a percepción social das agresións machistas que revela, entre outras conclusións, que máis dun terzo da cidadanía do Estado aínda culpabiliza dalgún xeito as mulleres por seren agredidas.

O estudo do CIS instou as persoas enquisadas a expresaren o seu grao de aceptación da afirmación segundo a cal "se as mulleres sofren maltrato é porque o consenten" e ata un 35% compártena en maior ou menor medida. "A identificación con esta afirmación -sinalan os autores do inquérito- parece indicar que unha parte importante da poboación pode tender a culpar a vítima da situación de maltrato que sofre, como se fose unicamente vontade súa a continuación ou ruptura dunha relación marcada polo maltrato". Na banda contraria sitúanse o 59% que está "pouco" ou "nada de acordo" con esta afirmación que culpabiliza as vítimas.

A proporción de persoas que culpabilizan as mulleres por seren vítimas agredidas é semellante ás que amosan tolerancia a respecto "dalgunha forma de maltrato no seo das relacións de parella" e chega ao 36%. Así, mentres o 92% das respostas ven "inaceptable" a violencia de xénero formulada de xeito xenérico, a tolerancia medra nas preguntas específicas a respecto das ameazas, tolerables para un 6,5%, a desvalorización, aceptada por un 9%, e sobre todo da "violencia de control", que chega ao 31%. Resulta especialmente elocuente que na faixa de idade máis moza entre as analizadas, entre 18 e 39 anos, a violencia de control é aceptada ata no 30% dos casos e as "liortas constantes", ata no 45%.

"Unha parte importante da poboación non asocia o maltrato psicolóxico e o control coa violencia de xénero"

Con estes resultados sobre a mesa o estudo "deduce" que "unha parte importante da poboación non asocia o maltrato psicolóxico e o control do outro coa violencia de xénero". Aínda que "se avanzou moito na sensibilización da poboación" sobre a violencia machista, sinala, aínda "cómpre facer tomar conciencia á poboación de que compartamentos concretos de maltrato psicolóxico, tales como a desvalorización ou o control", así como as agresións verbais, "tamén constitúen violencia de xénero". Tamén cómpre unha maior pedagoxía, segundo o estudo, a respecto do que significa "restrición de liberdade", toda vez que case unha de cada catro persoas "non considera inaceptable controlar o horario da parella" e ata un 15% ve aceptable "dicirlle á parella cousas que pode ou non facer".

O panorama da culpabilización e da tolerancia ante a violencia machista complétao a súa xustificación, tamén reflectida no estudo. Así, por exemplo, ata un 38% da poboación entrevistada concorda con que "os agresores adoitan ter algunha enfermidade mental", mentres que un 43% centra a súa xustificación ou prexuízos na orixe de agresores e vítimas. Nesta liña, un 43% da cidadanía, segundo o inquérito, coida que "hai máis agresores entre os estranxeiros que entre os españois", dous puntos máis que quen rexeita esta afirmación. "As pautas de resposta -sinala o estudo- poden estar condicionadas pola vontade de non querer estigmatizar a poboación inmigrante", máis que "demostrar se teñen un coñecmento preciso sobre o fideferente potencial de risco das mulleres espaolas e das mulleres estranxeiras".

Case un 30% cre que as ameazas non sempre deben ser castigadas pola lei

Por riba de todos estes resultados pairan tamén as respostas sobre a necesidade de castigar ou non a través da lei as agresións machistas. Así, mentres un 95% da poboación coida que o maltrato físico é inaceptable e merecente de castigo legal, un terzo coida que o maltrato verbal "non sempre" debe ser castigado. Ao tempo, un 28% sinala que o castigo non ten por que caer, en todos os casos, sobre quen realiza ameazas verbais por razón de xénero.

Acción contra a violencia machista en Ourense CC-BY-SA Marcha Mundial das Mulleres

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.