Un tribunal desestima unha demanda de La Región contra un texto satírico sobre o xornal

A obra 'La Región no es una fábrica de tornillos' foi publicada nun blog e difundida pola redes sociais Dominio Público Praza Pública

O Xulgado de primeira instancia número 2 de Ourense vén de desestimar unha demanda presenta por La Región, S.A. contra José Rivela Rivela, antigo colaborador da cabeceira, na que o xornal esixía unha indemnización por un delito de intromisión ilexítima no honor, motivada pola publicación dunha obra teatral satírica titulada "La Región no es una fábrica de tornillos". O texto, publicado no ano 2011 nun blog e difundido a través das redes sociais, formaba parte dun longo tirapuxa entre o demandando e o xornal, no marco dun conflito motivado polo pagamento dos gastos de desprazamento de Fernando Arrabal dende París ata Ourense para participar nun acto público. A sentenza fai prevalecer o dereito á liberdade de expresión do seu autor sobre o dereito ao honor da cabeceira satirizada, que deberá pagar as custas do xuízo.

A sentenza fai prevalecer o dereito á liberdade de expresión do seu autor sobre o dereito ao honor da cabeceira satirizada, que deberá pagar as custas do xuízo

O ditame conclúe que "a obra litixiosa creada polo demandado non chega a constituír unha intromisión ilexítima no dereito ao honor da persoa xurídica demandante, senón unha actuación incardinada na liberdade de expresión (...) e da libre creación artística, que o seu autor encadra dentro do movemento patafísico do que é seguidor e na que no marco da crítica e a sátira relata -a modo de sainete, con intención burlesca- feitos reais e ficticios que atribúe a quen dirixen o xornal La Región".

A sentenza destaca que procedeu a ponderar o peso "dos respectivos dereitos fundamentais que entran en colisión", subliñando que "a ponderación debe respectar a posición prevalente que ostenta o dereito á liberdade de expresión sobre o dereito á honra por resultar esencial como garantía para a formación dunha opinión pública libre, indispensable para o pluralismo político que esixe o principio democrático". E engade que "a liberdade de expresión, segundo a súa propia natureza, comprende a crítica da conduta doutro, aínda cando sexa dura e poida molestar, inquietar ou desgustar a aquel contra quen se dirixe".

O enfrontamento entre Rivela e o xornal nace no ano 2005, a raíz dun evento organizado polo Foro La Región no que participa como convidado o dramaturgo Fernando Arrabal

O enfrontamento entre Rivela e o xornal nace no ano 2005, a raíz dun evento organizado polo Foro La Región no que participa como convidado o dramaturgo Fernando Arrabal, que viaxou dende París a Vigo en avión. Un problema cos billetes expedidos en Ourense obrigou a Arrabal a pagar a pasaxe do seu peto, cartos que lle foron aboados inmediatamente por Rivela quen, no entanto, non foi compensado polo Foro La Región ata cinco anos despois, segundo se relata na sentenza. Este episodio iniciou un conflito entre Rivela e o xornal, que se traduciu no envío de varios correos electrónicos e artigos e, finalmente, na publicación da obra de teatro denunciada, que se acompañaba das ilustracións de 25 debuxantes e que relata en ton satírico o problema dos billetes de avión e a débeda xerada.

 

A obra 'La Región no es una fábrica de tornillos' foi publicada nun blog e difundida pola redes sociais Dominio Público Praza Pública

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.