Unha cadea humana rodeará a praza de touros de Pontevedra

Concentración de Touradas Fóra de Pontevedra CC-BY TFP

O vindeiro sábado 10 de agosto, a cidade de Pontevedra acollera varios actos de protesta contra a celebración de espectáculos taurinos, organizados por colectivos como Igualdad Animal ou a plataforma Touradas Fóra de Pontevedra. A partir das 11 e media da mañá comezará a prepararse unha cadea humana que rodeará a praza de touros da cidade. Os organizadores recomendan acudir vestido con ropa negra ou escura para darlle unha imaxe unificada á protesta. Ao remate da protesta gardarase un minuto de silencio, coas manos en alto tinxidas por sangue artificial polos milleiros de vítimas que se cobran cada ano os festexos taurinos.

Despois de realizar a cadea humana está convocado un picnic vegano no paseo urbano do río dos Gafos. Pola tarde percorrerá as rúas da cidade unha manifestación convocada pola plataforma Touradas fóra de Pontevedra, cun horario e percorrido aínda non anunciados. O pasado ano, o sábado día 11 de agosto, coincidindo coa apertura das festas da Peregrina, centos de persoas, convocadas por 41 colectivos sociais e políticos, mobilizáronse en Pontevedra contra as touradas.

Ademais da denuncia á propia realización deste espectáculo de maltrato animal, Touradas Fóra de Pontevedra demandáballe á Deputación "o cese inmediato das axudas indirectas e encubertas as touradas, que, asemade, son o principal soporte público na cidade". Este organismo entregou 8.559 euros entre 2008 e 2010 para a Xuntanza Anual de Peñas Taurinas e para tres edicións de Conferencias Taurinas que organiza a peña Gin Kas e 50.000 euros en licitacións de publicidade do Padroado de Turismo das Rías Baixas na propia praza de touros durante 2009 e 2010

Concentración de Touradas Fóra de Pontevedra CC-BY TFP
Convocatoria da cadea humana Dominio Público Igualdad Animal

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.