Unha 'chourizada' ante a sede do PP na Coruña pedirá a dimisión de Rajoy

Convocatoria da acción Dominio Público Rede Robinhood

Os actos de protesta contra Mariano Rajoy multiplícanse, sexa en formato de concentración, cazolada ou a través de convocatorias máis singulares, coma a que se prepara na Coruña para o vindeiro xoves. Este 18 de xullo, a partir das oito da tarde, está convocada unha chourizada ante a sede do Partido Popular na cidade herculina, situada na rúa Sánchez Bregua. Pedirase a dimisión do presidete do Goberno e a convocatoria de eleccións, ante as probas que implican a Rajoy na rede de pagamentos en diñeiro negro a dirixentes do PP.

A convocatoria foi lanzada pola rede Robinhood e emprega nas redes sociais varios hashtags, dende #RajoyDimision, moi frecuente nos últimos días, até #MafiaFora e #AbaixoORéxime, pasando polo de #chourizada. Este martes está convocada unha asemblea preparatoria na Praza da Fariña (Praza de Azcárraga) que a partir das 17.30 horas debaterá e organizará a acción.

Ademais de levar varios días monopolizando os trending topics de twitter, a petición de cese do presidente do Goberno deu xa lugar a webs específicas que, a xeito de contadores, informan de se Rajoy presentou a súa dimisión.

Convocatoria da acción Dominio Público Rede Robinhood

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.