Unha concentración pedirá en Vigo que a Xustiza non lle dea as costas a David Reboredo

David Reboredo Dominio Público Praza Pública

Unha nova concentración pedirá este xoves en Vigo a concesión do indulto a David Reboredo. Convocado pola súa familia e por varias entidades e colectivos, dende o grupo de autoapoio de drogodependentes Imán-Cedro á parroquia do Cristo da Victoria de Coia, e apoiado polos sindicatos CC.OO., CIG e UGT, o acto comezará ás sete da tarde diante do MARCO, na rúa Príncipe. Os organizadores fixeron coincidir a concentración co 193 aniversario do nacemento de Concepción Arenal, que destacou pola súa defensa dos dereitos dos presos e presas.

Os asistentes á concentración situaranse de costas, para pedirlle de xeito simbólico ao Consello de Ministros que "non dea as costas á xustiza e á equidade"

Os asistentes á concentración situaranse de costas, para pedirlle de xeito simbólico ao Consello de Ministros que "non dea as costas á xustiza e á equidade" na concesión do indulto a David Reboredo e para pedir "melloras nos procesos terapéutico-penais" das personas con adiccións. Ademais no acto escoitarase a canción David contra Goliat, do grupo de hip-hop Ocekaos, de Moaña, que nas últimas semanas adaptaron un texto elaborado polo colectivo Imán.

Nos últimos días, as novas sobre o estudo da concesión do terceiro grao a petición do cárcere da Lama alimentan a esperanza da concesión do indulto

Nos últimos días, as novas sobre o estudo da concesión do terceiro grao a petición do cárcere da Lama alimentan a esperanza da concesión do indulto. A xunta de tratamento do cárcere pontevedrés propuxo que se lle outorgue o terceiro grao penintenciario, petición que lle foi enviada á Secretaría Xeral de Institucións Penais, en Madrid, dende onde deberán ratificar a solicitude. Fontes penais sinalan que a resposta do órgano, dependente do Ministerio do Interior, tardaría entre mes e medio e dous meses en ser comunicada e cómpre sinalar que é inusual que se conceda o terceiro grao tras cumprir menos da metade da condena.

A concesión do terceiro grao preséntase como unha solución a medio camiño entre a súa situación actual e a posta en liberdade que reclama. Pasaría as noites no Centro de Inserción Social (CIS) de Vigo , mentres que o día o repartiría entre o programa PFIS, da organización Érguete, e o centro Imán-Cedro, onde viña exercendo como interlocutor para a desintoxicación doutros drogodependentes antes da súa condena. David podería durmir as fins de semana no seu domicilio familiar.

 

David Reboredo Dominio Público Praza Pública

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.