Unha concentración pedirá o luns en Vigo o indulto para David Reboredo

David Reboredo Dominio Público Praza Pública

O grupo de autoapoio Imán-Cedro convocou para este luns ás 19.30 horas un acto de apoio a David Reboredo que pedira o seu indulto. O acto consistirá nunha concentración diante do Marco, coincide co Día Internacional dos Dereitos Humanos e conta coa colaboración da Marcha Mundial das Mulleres. Convócase a todos os asistentes a acudir cos seus ollos vendados cun pano branco para emular á xustiza.

David Reboredo é un mozo vigués extoxicómano, rehabilitado e que leva anos colaborando con moitas asociacións da comarca. Foi condenado a sete anos de prisión por vender unha papelina de heroina en 2006 e ingresou na Lama o pasado mércores tras non lograr o indulto.

Convócase a todos os asistentes a acudir cos seus ollos vendados cun pano branco para emular á xustiza

Imán Cedro, grupo no que colabora, salienta que "a problemática real do noso compañeiro David afecta, desde fai moitísimos anos, a multitude de cidadáns con patoloxías severas de adicción a drogas e ás súas familias, ao non atoparse ese punto de equilibrio entre os procesos terapéuticos e o cumprimento das penas polos delitos cometidos". Ante esta situación reclaman a revisión da regulación penal do tráfico de drogas para despenalizar os supostos con cantidades de droga pequenas, como foi este caso.

David Reboredo Dominio Público Praza Pública

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.