Unha concesión a unha empresa privada ameaza o futuro dun centro para persoas con discapacidade intelectual

Manifestación contra o peche de San Francisco, o pasado 30 de setembro en Vigo © Asociación Galega San Francisco

A Asociación Galega San Francisco (Agasfra) leva ofrecendo os seus servizos a persoas afectadas por Síndrome de Down en Vigo dende 1967. É unha entidade sen ánimo de lucro pioneira en Galicia, que nestes momento empresta atención a un total de 73 persoas. Porén, o seu futuro é máis que incerto. A Xunta, que mantiña dende hai anos un convenio con Agasfra para a prestación deste servizo adxudicoullo nesta ocasión a unha empresa privada, Residencia Doral, con sede en Mos. 

Nun recente concurso público (anteriormente estes servizos emprestábanse en Galicia a través de contratos discrecionais), unha entidade que "optou e obtivo unha mellor cualificación técnica e económica", segundo destacou Beatriz Mato, conselleira de Traballo e Benestar. Na maior parte de Galicia os centros orixinais mantiveron a concesión, pero non foi o caso de Vigo. Segundo a versión da Xunta, Agasfra non pode manter a concesión porque "as instalacións non están adaptadas ás necesidades do colectivo” e afirma que "para concursar é necesario contar co PIA (Proxecto Individual de Atención) definitivo", e non cun provisional, como é o caso do centro San Francisco.

Porén, a Federación de Asociacións en favor das Persoas con Discapacidade Intelectual de Galicia (Fademga) desmente a versión do Goberno galego, e nun comunicado feito público o pasado xoves asegura que "a inmensa maioría das entidades que no seu día pasaron de subvencións ao modelo de contrato, asinaron contrato coa Xunta con PIAS provisionais" e engade que nalgúns casos esa situación se mantén.

A Asociación Galega San Francisco, con sede en Coia, leva semanas mobilizándose ante a decisión do Goberno galego (unha campaña en change.org recolleu xa 23 mil apoios) e xa a recorreu pola vía contencioso-administrativa. Os seus responsables denuncian que "as 73 persoas con discapacidade intelectual deste centro veranse obrigadas a trasladarse a outra localidade, ademais de cambiar de coidadores". Engade que a adxudicación tamén faría perigar "o posto de 20 traballadores, xa que dende a Consellería de Benestar nin sequera se garante que a nova adxudicataria manteña o posto destes traballadores".

A retirada da concesión non só afecta a este centro, senón de rebote a outros dous que a entidade xestiona na cidade, que terían tamén que pechar, pola limitación de recursos económicos resultante. A Asociación denuncia "o atropelo da Xunta aos nosos fillos, aos que nin sequiera se lles consultou e aos que se está tratando como mercadoría ao sacar a concurso as prazas que ocupan no centro de Coia".

Unha manifestación percorreu as rúas de Vigo o pasado 30 de setembro, e está convocada unha nova concentración este martes, fronte á sede do Partido Popular en Vigo, na rúa Areal.

Manifestación contra o peche de San Francisco, o pasado 30 de setembro en Vigo © Asociación Galega San Francisco
Instalacións do centro © Asociación Galega San Francisco
Manifestación contra o peche de San Francisco, o pasado 30 de setembro en Vigo © Asociación Galega San Francisco
Manifestación contra o peche de San Francisco, o pasado 30 de setembro en Vigo © Asociación Galega San Francisco

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.