Unha doenza, non un estigma

A campaña vai recollendo máis apoios e razóns "contra o estigma" © Alume Saúde Mental

Alume, a Asociación lucense de axuda a persoas con enfermidade mental, vén de lanzar unha campaña pola saúde mental inclusiva, e en contra da consideración destas doenzas como "estigmas" persoais ou sociais. O obxectivo da campaña, baixo o nome Lugo contra o estigma, é visibilizar e, ao tempo, loitar contra o principal obstáculo no camiño cara a recuperación das persoas que teñen unha enfermidade mental: "a exclusión, os prexuízos, o medo... o que comunmente se coñece como o estigma asociado ás doenzas da mente".

Na campaña, que conta coa súa propia web, e que tamén se estende polas redes sociais co hashtag #contraelestigma, participan numerosos personaxes públicos, ademais de cidadáns e cidadás anónimas, que se foron unindo nos últimos días. Destaca, por exemplo, a participación do vicepresidente da Xunta Alfonso Rueda, do actor Gabino Diego, do alcalde de Lugo Xosé López Orozco, da secretaria xeral de Igualdade Susana López Abella ou da concelleira do BNG en Lugo Paz Abraira.

Para participar na campaña, tan só é preciso descargar un dos carteis que se atopan no blog de Alume, escribir nel razóns para estar en contra do estigma, facer unha fotografía e enviala a lugocontraelestigma@gmail.com. Tamén se pode enviar a mensaxe que se desexe nun folio propio, sen necesidade de descargar o que facilita a asociación.

Alume traballa dende 1995 en Lugo e Guitiriz, apoiando as persoas con trastorno mental severo, os seus familiares, amigos e cuidadores principais. Denuncia que o estigma social que sofren as persoas con doenzas mentais supón "o principal obstáculo no camiño cara a recuperación destas persoas, xa que leva ao rexeitamento social e laboral, e ao autoinculpamento". E entidade salienta que "xuntando moitas razóns, moitas ideas e moitas caras, poderemos visibilizar unha problemática que afecta a moita xente, e que leva á exclusión, cando o que procuramos é precisamente o contrario: unha comunidade inclusiva, na que todos teñamos un sitio".

Entre as razóns contra o estigma achegadas por algunhas das persoas participantes na campaña podemos salientar, por exemplo, a que escribiu o alcalde López Orozco: "Porque coa separación non se logra o obxectivo de que 'todos somos iguais, todos somos diferentes'”; a de Jaime Castiñeira (voceiro do PP no Concello de Lugo): "Porque impide ver á persoa, que é o máis importante. Non se ve ben se non é co corazón"; a de Alexandre Penas (responsable do BNG en Lugo): "Porque defende unha sociedade de iguais"; a de Alfonso Rueda: "Porque as persoas con enfermidade mental forman parte de nós, son persoas coma nós e somos responsables de que así o sintan"; ou a de Gabino Diego: "Porque a todos nos pode pasar".

Apoio á campaña do vicepresidente da Xunta, Alfonso Rueda © Alume Saúde Mental
Apoio á campaña do alcalde de Lugo, Xosé López Orozco © Alume Saúde Mental
Apoio de Gabino Diego á campaña © Alume Saúde Mental

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.