Cada ano, a publicación actualizada dos datos do Padrón de poboación é moi agardada por un gran número de concellos, sobre todo aqueles que se atopan preto dalgunhas fronteiras que son moito máis que simbólicas. Estar por riba ou por debaixo deses límites pode supoñer, sobre todo, maior ou menor financiamento, ademais da posibilidade de elixir máis ou menos edís (se ese ano hai eleccións municipais) e nalgúns casos a posibilidade de acceder a máis competencias.
Aínda que a preocupación é, principalmente, económica. A parte que os concellos reciben dos tributos recadados polo Estado distribúese nun 75% en función do seu número de habitantes, ponderados por uns coeficientes multiplicadores que teñen nos 5.000, 20.000 e 50.000 habitantes os seus límites. Así, para os concellos de menos de 5.000, o coeficiente é 1; porén, se supera esa poboación pasa a ser de 1,17; e se pasa por riba dos 20.000 chega xa a 1,3. Un mellor financiamento redunda en mellores servizos, e as localidades que se atopan ao bordo de superar (ou de perder) algún destes niveis esfórzanse por ficar por riba.
Os datos do Padrón actualizados a 1 de xaneiro de 2016, publicados este luns, confirmaron a perda do nivel dos 5.000 por parte de Muxía (4.941 fronte aos 5.025 habitantes do ano anterior) e Meis (4.844 fronte a 5.006). Hai outro grupo de localidades, ao redor dunha ducia, que se atopan ao bordo de facelo se continúan coa actual tendencia de descenso poboacional. É o caso, por exemplo, de Vedra (5.012, cunha perda de 47 o pasado ano), Cerceda (5.031, caendo 45), Outeiro de Rei (5.043, caendo 25), Castro de Rei (5.057, caendo 96), Ribadavia (5.068, caendo 44) ou Neda (5.197, caendo 64). Mugardos (5.335), Meaño (5.341), Vila de Cruces (5.435) ou Camariñas (5.486) tamén están por debaixo dos 5.500 e manteñen unha tendencia de descenso nos últimos anos.
Chama a atención o caso do novo concello de Oza-Cesuras, no que a fusión conseguiu superar o límite dos 5.000 ao que os dous territorios previos non eran quen de chegar. Porén, o novo ente segue rexistrando un acentuado descenso poboacional, situándose xa nos 5.181, cunha caída de 72 empadroados e empadroadas no último ano. Outras localidades sitúanse igualmente preto do límite dos 5.000, pero rexistran incrementos na súa poboación. É o caso de Ribadumia, San Cibrao das Viñas ou A Cañiza.
Outro límite de importancia é o dos 20.000, que Lalín e A Estrada superan por pouco. A capital do Deza conseguiu salvalo un ano máis, chegando a 20.044 habitantes, cun incremento de 39. A Estrada sitúase por riba, con 20.891, perdo rexistra unha perda de 134 habitantes. O Porriño, que no 2015 gañou 669 habitantes chegando ata os 19.567, podería superar en breve esa cantidade.
Tan só 38 concellos gañaron poboación en 2015, destacando o xa citado O Porriño (+669), xunto con Compostela (+354), Oleiros (+320), Arteixo (+289), Ames (+277), Barbadás (+175), Gondomar (+136), Lugo (+134), A Coruña (+108), Cambados (+82), San Cibrao (+77), Sada (+70), Cambre (+65), Cangas (+64) e Poio (+59). Pola contra, Vigo (-1.281) e Ferrol (-1.144) encabezan a lista de descensos poboacionais, seguidos de Ourense (-338), Betanzos (-236), Marín (-206), Vilagarcía (-199), Meis (-162) e Vilalba (-158).