Unha folga estudantil que se prevé histórica contestará con dureza á Lei Wert

Manifestación en Vigo CC-BY-SA gzvideos.info

O alumnado galego de Secundaria e Bacharelato sairá este mércores á rúa e baleirará as aulas nunha xornada de folga que se prevé "histórica" en Galicia. Será unha nova e contundente protesta contra a Lomce (Lei Orgánica para a Mellora da Calidade Educativa) e unha reforma educativa que desde as organizacións estudantís se ve como a intención de "converter o ensino nun privilexio" e a plasmación do proxecto ideolóxico do PP na ensinanza, "co obxectivo de debilitala, facela menos pública, menos democrática, menos galega e de menos calidade".

O Sindicato de Estudantes convoca folga entre o 5 e o 7 de febreiro; Liga e Comités chaman ao paro xeral este mércores 6

As mobilizacións comezaron xa este martes, coas tres xornadas de folga consecutivas convocadas polo Sindicato de Estudantes a nivel estatal, pero será este mércores cando se amplifique a protesta en Galicia, co paro xeral ao que chaman tamén as dúas principais organizacións estudantís galegas, as nacionalistas Liga Estudantil Galega e Comités, que prevén un apoio masivo, tanto á folga como ás manifestacións.

Será a convocatoria que conte con máis marchas convocadas nos últimos anos, con arredor de 25 manifestacións en varias cabeceiras comarcais de Galicia e moito máis aló das cidades, que levarán o peso das protestas. "Agardamos unha resposta masiva contra a Lomce", asegura Daniel Candal, voceiro dos Comités, que lembra o apoio social que están a recibir os estudantes, ademais do de profesores e pais.

Será a convocatoria con máis manifestacións estudantís nos últimos anos en Galicia

"Os recortes no ensino e a Lei Wert non só son unha agresión contra os estudantes, senón que afectan o conxunto da sociedade porque supoñen recortes en democracia e en igualdade de dereitos", engade Candal, nunhas palabras nas que coincide con Diotino Nóvoa, voceiro da Liga Estudantil. "Son medidas que afectan a moita xente e aos máis desfavorecidos da sociedade, que ven moi prexudicado o seu futuro", asegura, tras prever tamén "unha ampla mobilización" e amosarse gratamente "sorprendido" polo apoio que as mobilizacións están a recibir nos centros de Secundaria.

"Sempre se di que os mozos estamos desmobilizados, pero parece que a cousa está cambiando"

"O Goberno non ten dúbida en atacar os máis novos porque pensan que somos a cadea máis débil; sempre se dixo que os mozos estamos desmobilizados, pero a cousa semella que está revirando", engade Candal, que destaca "a unidade de acción" e a fortaleza do movemento estudantil nacionalista como claves da boa resposta que xa nos últimos meses tiveron as protestas.

A "situación social" engade "máis rebeldía" a unha mocidade que ve negro o seu futuro

Ademais, tanto desde a Liga como desde Comités recoñecen que a "situación social" que se está a vivir, os continuos recortes, os "abusos de poder" e os casos de corrupción engaden "máis rebeldía" a unha mocidade que xa ve negro o seu futuro laboral e que asiste cada mes aos duros datos de desemprego xuvenil.

"É evidente que o causante de todos os problemas é o sistema que padecemos; estamos nunha situación na que os mozos galegos non podemos nin traballar nin estudar", recorda Candal, que aclara que "por algún lado ten que saír o descontento social tan xeralizado cara ás políticas do PP". "O deste mércores é unha protesta estudantil pero tamén é unha protesta xeral", remata.

Pancartas da manifestación estudantil CC-BY-SA gzvideos.info

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.