Unha folga no ensino protestará este mércores contra as reválidas

Cartel de Confapa-Galicia © Confapa-Galicia

A comunidade escolar está chamada este mércores a unha folga contra as reválidas, pola derrogación da LOMCE e a reversión dos recortes no ensino público. O paro está apoiado pola Plataforma en Defensa do Ensino Público de Galicia (integrada por Confapa-Galicia, Ensino-CCOO, UGT, Sindicato de Estudantes, IESGA e Escola Viva) e polo STEG. Ademais da folga, están convocadas concentracións e manifestacións nas sete cidades galegas e nalgunhas das vilas máis importantes, tanto pola mañá coma pola tarde. Lamentablemente, non se chegou a unha unidade de acción entre os sindicatos e organizacións de nais e pais; a Plataforma Galega en Defensa do Ensino Público (liderada por CIG-Ensino) non apoia a folga e convoca outras concentracións, todas pola tarde.

As reválidas están no centro das protestas deste mércores. As organizacións integrantes da Plataforma en Defensa do Ensino Público de Galicia amosan o seu "rexeitamento absoluto" á súa "imposición" e anuncian que "non deixarán de realizar actuacións conxuntas dentro dun marco global de loita pola derrogación da LOMCE e o resto de contrarreformas educativas, así como para lograr a reversión total dos recortes sufridos nos últimos anos". O STEG senuncia que as reválidas restrinxes o acceso do alumnado a titulacións, "xerando, tamén, incertidume no alumnado, no profesorado e nas familias pola falta de concreción por parte da administración educativa de aspectos clave como os modelos de exame en 2º de BACH ou a alteración do calendario de final de curso".

De igual xeito, para Nova Escola Galega "as reválidas representan a peor medida educativa que contempla a deostada LOMCE". "As reválidas significan unha forma de segregación, fomentan a desigualdade e uniformizan o desenvolvemento curricular da peor maneira posible, que é convertendo a superación dun exame no único obxectivo a lograr por parte de alumnado e profesorado. Os currículos van estar condicionados drasticamente pola proba, tanto por obrigaren a priorizar os contidos da mesma como por diferenciar as materias, dándolles máis relevancia a aquelas que aparecerán nas probas", denuncian, engadindo que "significan tamén desconfiar do profesorado, dos centros e do propio sistema, ao non dar por válidas as súas decisións avaliadoras".

 

Horarios das mobilizacións convocada pola Plataforma en Defensa do Ensino Público de Galicia

  • A Coruña. Delegación do Goberno. 19.30 horas
  • Ferrol. Edificio da Xunta. 12 horas
  • Santiago de Compostela. Alameda. 12 horas
  • Ribeira. Praza do Concello. 19.30 horas
  • Muros. Praza do Concello. 12 horas
  • Lugo. Diante do Edificio Multiusos da Xunta. 19.30 horas
  • Ourense. Diante da Subdelegación do Goberno. 19.30 horas
  • Pontevedra. Praza da Peregrina. 18 horas
  • Vigo. Praza de América. 12 horas

 

Mobilizacións convocadas pola Plataforma Galega en Defensa do Ensino Público

  • Pontevedra. Praza da Peregrina. 18.30 horas
  • Santiago de Compostela. Praza Roxa. 19 horas
  • Vigo. Farola de Urzaiz. 19 horas
  • Lugo. Diante do IES Nosa Señora dos Ollos Grandes. 19 horas
  • A Coruña. Praza de Pontevedra. 19 horas
  • Ferrol. Diante do edificio da Xunta. 19 horas   
  • Ourense. Xardíns do Padre Feixoo. 19 horas
  • Carballo. Praza do Concello. 20 horas
  • Cee. Praza 8 de Marzo. 20 horas
  • Vilagarcía. Praza de Galicia. 20 horas
Cartel de Confapa-Galicia © Confapa-Galicia

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.